A Coruña rende homenaxe a Gerardo Porto polo seu centenario cunha mostra no Kiosko Alfonso

ACoruñaXa
Poderá visitarse ata o vindeiro 6 de xullo
mostra-gerardo-porto
Inauguración da exposición ‘Gerardo Porto 1925-2025’
17 May 2025

A Coruña acolle a mostra ‘Gerardo Porto 1925-2025’, unha exposición que repasa a traxectoria deste artista coruñés.

“Esta exposición é unha homenaxe a un artista esencial na identidade visual da Coruña. A súa obra —como o Millenium, os murais do Club do Mar ou os bancos dos Rosales— forma parte do noso día a día, da nosa paisaxe emocional e urbana”, sinalou a alcaldesa durante a inauguración. A exposición está aberta á cidadanía, con acceso gratuíto, ata o vindeiro 6 de xullo.

A mostra conmemora o centenario do artista e, ao mesmo tempo, rende homenaxe ao seu legado. Será unha oportunidade única para reflexionar sobre o seu impacto na arte. As 120 obras seleccionadas dentro dos seus últimos 30 anos de traballo brindan unha excepcional visión da súa evolución e da profunda conexión que mantivo coa súa paixón pola arte.

Ademais de ser unha homenaxe, esta exposición ten un propósito claro: manter viva a admiración pola súa obra e achegar a súa arte a novas xeracións. “A Coruña foi para Porto moito máis ca un lugar de nacemento: foi a súa musa, a súa inspiración e o seu destino final. Aquí regresou, aquí pintou, aquí deixou a pegada da súa mirada, da súa luz e do seu amor pola cidade”, indicou Inés Rey.

A luz, o sentimento e a emoción que transmite o seu traballo son un fío condutor nesta mostra. As pezas permitirán ver a evolución do seu estilo, ademais de ofrecer unha xanela á súa visión artística máis madura. A alcaldesa tamén destacou o carácter universal de Gerardo Porto, que se formou en Madrid e París, viviu en Holanda, aprendeu de Matisse, pero “nunca perdeu a raíz galega”. “El mesmo dicía: ‘Galicia amamantoume, Francia ensinoume, Holanda desasnouse, e a Cultura Atlántica deume a fascinación polo oculto e a luz do misterio’”, rememorou a alcaldesa, que agradeceu á súa familia compartir o legado do artista para amosarllo á cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.15987801551819