A Coruña reforza o seu compromiso co galego na xuntanza entre ALingua e a Real Academia Galega

O concelleiro de Cultura da Coruña e responsable da área de promoción da lingua, Gonzalo Castro, participou na reunión que mantivo a directiva da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (ALingua) co presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. O encontro serviu para salientar o papel clave que desempeñan os concellos na defensa e promoción do galego desde a proximidade ao cidadán.
Castro, que representa ao Concello da Coruña dentro da directiva de ALingua dende outubro de 2024, lembrou que esta participación enmárcase no compromiso firme do executivo local, encabezado por Inés Rey, co fomento da lingua propia. “Foi este goberno municipal o primeiro en aprobar unha ordenanza de uso do galego na historia do Concello”, destacou o edil, quen tamén sinalou que a xuntanza se desenvolveu nun clima “moi construtivo”.
Entre os acordos alcanzados figura a elaboración dun protocolo de colaboración entre ALingua e a Real Academia Galega. Este documento recollerá accións conxuntas de dinamización lingüística, entre as que se inclúe o impulso do programa “Modo Galego”, unha iniciativa para incentivar o uso habitual da lingua entre a cidadanía.
A RAG comprometeuse a apoiar as iniciativas impulsadas por ALingua, tendo en conta a diversidade de contextos e necesidades lingüísticas dos distintos municipios que forman parte da asociación, entre os que se atopan, ademais da Coruña, Pontevedra, Carballo, Moaña, Narón, Rois e Betanzos. Un paso adiante na coordinación institucional para garantir un futuro máis galego desde o ámbito local.