A Coruña reforza a súa aposta pola formación con cursos para o emprego

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o centro de formación Praxis, dirixido por Roberto Lage, para coñecer de primeira man a marcha dos cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) que se están impartindo no municipio. Durante a visita estivo acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce.
O centro, especializado na formación en seguridade privada, recibiu máis de 240.000 euros para organizar oito cursos centrados en vixilancia, protección de persoas e manipulación de explosivos, nos que se están formando un total de 128 alumnas e alumnos. A delegada asistiu concretamente a unha das sesións do curso de 'Vixilancia, Seguridade Privada e Protección de Persoas'.
No conxunto da cidade da Coruña, un total de 24 entidades están a desenvolver 127 accións formativas grazas ao apoio da Xunta, que achega máis de 6,1 millóns de euros a través desta convocatoria.
Do Campo salientou que estas accións forman parte do Plan Formativo para o Emprego de Galicia 2024-2026, cun orzamento inicial de 76 millóns de euros. A primeira convocatoria, xa resolta, destina 72,1 millóns para financiar preto de 1.500 cursos en toda Galicia, nos que se prevé a participación de máis de 23.300 persoas. A provincia da Coruña concentra o 33% do orzamento total.
A delegada puxo en valor este tipo de iniciativas, que cualificou de 'esenciais para mellorar a empregabilidade' e destacou o compromiso da Xunta con unha formación práctica e adaptada ás demandas do mercado laboral. Subliñou tamén que os cursos non só permiten adquirir novas competencias, senón que actúan como ponte directa cara ao mundo laboral.
As accións AFD están dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas, aínda que tamén se permite a participación de persoas ocupadas, ata un máximo do 30% das prazas dispoñibles. Estes itinerarios inclúen tanto certificacións profesionais como perfeccionamento técnico en sectores con alta demanda.
Con esta liña de actuación, a Xunta reafirma o seu compromiso coa dinamización do emprego e a igualdade de oportunidades, apostando por unha formación útil e conectada coa realidade produtiva da comunidade.