A Coruña reclama de novo un Centro de Crise 24 horas nun 25N marcado pola lectura do manifesto e un lazo humano en Riazor

O Concello da Coruña conmemorou este 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cun acto simbólico que incluíu unha andaina pola costa e a formación dun grande lazo violeta humano na explanada de Riazor. As persoas participantes partiron ás 11.00 horas desde Riazor e desde o frontón do C.D. A Torre, atopándose no miradoiro do Matadoiro antes de completar o percorrido arredor das 12.15 horas.
Na iniciativa participaron entidades deportivas da cidade, persoas usuarias dos programas municipais de actividade física, público xeral e membros da corporación. A alcaldesa, Inés Rey, encabezou a lectura da declaración institucional aprobada polo Concello, que condena todas as formas de violencia machista, incluídas a exercida contra crianzas, a trata con fins de explotación sexual e as violencias dixitais.
Durante a súa intervención, a rexedora volveu reclamar con firmeza a creación dun Centro de Crise 24 horas para vítimas de violencia sexual na área da Coruña, tal e como contempla a Lei Orgánica 10/2022. Subliñou que resulta “inxusto que A Coruña siga sen un Centro de Crise propio” e esixiu á Xunta a posta en marcha dun recurso especializado, próximo e coordinado cos servizos municipais e co tecido asociativo que traballa con vítimas. Rey lembrou que a cidade conta cun CIM de referencia, así como con pisos de acollida e transición, “pero falta unha peza clave do mapa de atención, e non pode haber territorios de segunda en dereitos”.
A declaración institucional incidiu tamén no avance da violencia vicaria, da trata e da explotación sexual, así como na crecente violencia dixital exercida a través das redes sociais e das aplicacións de mensaxería. O texto puxo o foco na especial vulnerabilidade das menores, das mulleres con discapacidade, maiores ou migrantes, e apelou á responsabilidade das institucións para garantir protección e acceso á información en igualdade. Rey advertiu que “negar ou minimizar a violencia machista non é unha opinión máis, senón deixar desprotexidas ás mulleres e poñer en risco a convivencia democrática”.
O acto forma parte da campaña municipal “Non hai escusas”, que este ano centra a atención na violencia vicaria, na violencia contra menores, na trata e explotación sexual e nas novas violencias dixitais. A programación inclúe unha xornada técnica sobre violencia vicaria na Fundación ONCE, o ciclo “Conversas con…” con Amelia Tiganus e Erick Pescador, o espectáculo educativo “Mozas nas redes” nos institutos, actividades nos espazos de atención á infancia, na Escola Intercultural da UAMI, no Espazo Diverso, nas bibliotecas e nos centros cívicos, así como accións comunitarias no barrio do Castrillón.
A alcaldesa agradeceu a implicación das entidades deportivas, do persoal municipal, do tecido asociativo e da cidadanía que participou na andaina e no lazo humano. “Cada persoa que hoxe se puxo este lazo violeta expresou alto e claro que A Coruña está ao carón das vítimas e non acepta nin escusas nin silencios cómplices fronte á violencia machista”, afirmou. Chamou ademais á veciñanza a sumarse esta tarde ás mobilizacións convocadas polos colectivos feministas e sociais “en memoria das vítimas, na defensa dos dereitos conquistados e no rexeitamento de todas as formas de violencia machista”.