A Coruña recibe un premio estatal pola innovación en seguridade escolar co programa 'Aprende Seguro en Aulas Seguras'

A Coruña vén de ser distinguida a nivel estatal co Premio Nacional á Innovación nos IV Premios Nacionais ás Boas Prácticas do Programa Marco Agente Tutor. O galardón entregouse o no Centro Cultural Casa de Vacas, en Madrid, e recoñece o programa municipal 'Aprende Seguro en Aulas Seguras', impulsado pola Unidade Agente Tutor da Policía Local en coordinación cos centros educativos da cidade.
Segundo explicou o Concello, o proxecto destaca polo seu enfoque integral na protección da infancia e da adolescencia no ámbito escolar, combinando accións formativas, prevención de riscos e apoio psicosocial dentro dun modelo de policía de proximidade. Entre os contidos abordados inclúense a prevención do consumo de drogas, o acoso escolar, a ciberseguridade e a prevención da violencia.
A entrega dos premios estivo promovida pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) xunto coa Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas e a Asociación Nacional de Axentes Titores (ANAT), nun acto programado entre as 10.00 e as 12.00 horas.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, sinalou que 'este premio supón un respaldo ao traballo educativo e preventivo da Policía Local' e puxo o foco na necesidade de reforzar programas que acheguen ferramentas reais para afrontar situacións de risco na mocidade.