A Coruña recibe 4,4 millóns de euros en fondos europeos para proxectos de Intelixencia Artificial

O Concello da Coruña vén de recibir unha importante inxección de fondos europeos para o desenvolvemento de proxectos baseados na Intelixencia Artificial (IA). En concreto, a cidade obtivo 4,4 millóns de euros da Iniciativa Urbana Europea, dependente da Comisión Europea, para impulsar a innovación tecnolóxica aplicada aos servizos públicos. “Este é un grande éxito para A Coruña que nos permitirá mellorar diferentes servizos públicos facendo un uso responsable e sostible da Intelixencia Artificial”, destacou a alcaldesa, Inés Rey.
A Coruña e Salamanca foron as únicas cidades españolas en obter esta axuda, formando parte dun grupo selecto de 20 proxectos de 13 países da Unión Europea. A convocatoria recibiu un total de 110 candidaturas, das que 15 foron de cidades españolas.
O proxecto coruñés, denominado Allocate, ten como obxectivo o desenvolvemento de infraestruturas que permitan a experimentación e cocreación de IA. Grazas a el, impúlsa a competitividade económica local, reduce a pegada medioambiental da cidade e promove un urbanismo inclusivo.
Entre as súa accións principais, Allocate fomentará a participación das Pemes locais na creación de solucións de IA verdes e éticas. Ademais, impulsarase a formación dunha nova Comunidade de Computación Local (LCC), orientada ao crecemento tecnolóxico e á sustentabilidade medioambiental. Esta iniciativa contará co apoio do Clúster TIC de Galicia, que agrupa máis de 150 empresas tecnolóxicas, en gran parte Pemes.
Inicialmente, espérase que 40 empresas se unan á LCC para colaborar con catro departamentos municipais e expertos do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións). A través dunha convocatoria aberta, seleccionarase a 10 Pemes e start-ups que testarán tres casos de uso urbano real do Concello da Coruña.
Allocate abordará necesidades prioritarias da cidade a través de tres aplicacións principais:
- Mobilidade sostible: desenvolveranse ferramentas de IA para mellorar o uso da bicicleta na cidade.
- Xestión de residuos: aplicarase IA para optimizar os procesos de recollida e tratamento de refugallos.
- Atención de incidencias urbanas: integrarase a IA nos servizos municipais para unha resposta máis eficaz e eficiente.
A Iniciativa Urbana Europea, sucesora da Iniciativa de Accións Urbanas Innovadoras (2014-2020), ten como obxectivo apoiar as cidades europeas na implementación de solucións urbanas innovadoras e sostibles. Cun orzamento FEDER de 450 millóns de euros para o período 2021-2027, destina o 75 % dos seus fondos á implementación de tecnoloxías avanzadas nas cidades.
Nesta terceira convocatoria, a UE promove proxectos que favorezan a transición enerxética e a aplicación da tecnoloxía na xestión urbana. O Concello da Coruña contribuirá con Allocate ao desenvolvemento dun modelo de cidade intelixente e sostible, compartindo os seus resultados con outras urbes europeas para maximizar o impacto da iniciativa.