A Coruña reafírmase como referencia no turismo sostible coa sexta edición de Biocultura

ACoruñaXa
Serán ata 150 expositores dedicados a produtos ecolóxicos e sostibles de diversos sectores
biocultura-25
7 Mar 2025

A Coruña mantén o seu liderado no sector do turismo sostible coa celebración, un ano máis, da feira de ecoturismo e produtos ecolóxicos Biocultura. A sexta edición deste evento, que conta co apoio do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade, inaugurouse hoxe e permanecerá aberta ao público ata o domingo 9 de marzo en Expocoruña.

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, participou no acto de apertura xunto a numeroso público asistente, que puido visitar ata 150 expositores dedicados a produtos ecolóxicos e sostibles de diversos sectores como a alimentación bio, ecoturismo, cosmética ecolóxica, moda sostible, artesanía ou benestar. Durante os próximos días, espérase que milleiros de persoas se acheguen ata Biocultura para descubrir as novidades e tendencias do turismo sostible. Feiras como Biocultura consolidan A Coruña dentro do sector do turismo MICE, enfocado a reunións, congresos e incentivos, un dos piares fundamentais da estratexia turística promovida polo Goberno de Inés Rey, xunto coa cultura, a dixitalización e a sostibilidade.

"Desde o Goberno de Inés Rey continuamos apoiando grandes iniciativas singulares coma esta, que nos posicionan como o gran polo turístico e MICE de Galicia", destacou Yoya Neira.

Nesta edición, Biocultura conta con máis de 120 actividades paralelas aos expositores, co obxectivo de fomentar o consumo ecolóxico e os hábitos de vida saudables. Na primeira xornada da feira, o público tivo a oportunidade de participar en tres showcookings, un a cargo de Cafés Lúa e dous con Conservas Mar de Ardora. Ademais, desenvolvéronse conferencias da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas sobre o ecoturismo en Galicia e xornadas formativas sobre nutricosméticos e a carne de vacún de razas autóctonas ecolóxicas.

Pola tarde, completan a programación diversas presentacións, como a experiencia 'Noites de lobos, mitos e lendas' a cargo de Abeiro da Loba e Worknature, a ruta N-VI, as rutas ornitolóxicas da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, un obradoiro de enxerto de variedades autóctonas ou catas de oliva e infusións, entre outras actividades.

 

⚙ Configurar cookies
0.16045618057251