A Coruña reactiva a Escola de Participación cun programa con máis dunha decena de cursos gratuítos

ACoruñaXa
As accións, dirixidas ao tecido asociativo, ao voluntariado e á cidadanía en xeral, abordan xestión de entidades, subvencións, accesibilidade, emerxencias, benestar emocional e uso da intelixencia artificial
A CORUÑA centro civico cidade vella
Centro cívico da Cidade Vella
21 Nov 2025

O Concello da Coruña pon en marcha unha nova edición da Escola de Participación, un programa formativo gratuíto que ofrecerá, entre finais de novembro e mediados de decembro, máis dunha decena de cursos e obradoiros en distintos espazos municipais. As propostas están pensadas para o tecido asociativo e o voluntariado municipal, pero tamén abertas a calquera veciña ou veciño interesado en mellorar os seus coñecementos en participación e vida comunitaria.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destaca que esta escola municipal é unha ferramenta clave para acompañar o traballo diario das asociacións e do voluntariado, proporcionándolles formación práctica para que poidan centrarse en seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza.

Un dos bloques do programa céntrase na xestión interna das entidades sen ánimo de lucro. Inclúe un curso presencial sobre xestión de asociacións sen ánimo de lucro no Centro Cívico do Birloque, o 3 de decembro, de 17.30 a 20.30 horas, cun total de 20 prazas; un obradoiro técnico sobre subvencións e a nova ordenanza municipal, previsto para o 11 de decembro no Centro Cívico da Cidade Vella, de 18.00 a 20.00 horas (20 prazas); e outro obradoiro sobre normativa e medidas de prevención para organizar eventos en espazo público, o 4 de decembro, tamén na Cidade Vella e no mesmo horario, cun máximo de 20 asistentes. Complétase cun curso básico de voluntariado en modalidade en liña, de 5 horas de duración e 25 prazas, centrado no marco normativo e nos dereitos e obrigas das persoas voluntarias.

A aposta pola accesibilidade e a participación inclusiva reflíctese en dous cursos básicos de lingua de signos: un presencial no Centro Cívico do Birloque, con seis sesións os días 25 e 27 de novembro e 2, 4, 9 e 11 de decembro, en horario de 17.00 a 19.30 horas (20 prazas), e outro en formato en liña, de 30 horas e con 30 prazas dispoñibles. Así mesmo, incorporarase un obradoiro sobre o uso da intelixencia artificial, o 10 de decembro no Centro Cívico da Cidade Vella, de 17.30 a 20.30 horas (20 prazas), que ofrecerá unha primeira aproximación a ferramentas como ChatGPT. Para a mocidade de 16 a 30 anos prográmase o obradoiro 'Da IA á IE', que traballará a intelixencia emocional como clave de benestar, o 10 de decembro, de 19.00 a 20.15 horas, no Espazo Xuvenil Remanso, con 15 prazas.

No ámbito da seguridade e da prevención, a Escola de Participación inclúe un curso básico de primeiros auxilios en modalidade semipresencial, cunha parte teórica en liña e unha sesión práctica o 15 de decembro, de 16.00 a 21.00 horas, no Centro de Formación da Cruz Vermella (25 prazas). Tamén se ofrece un obradoiro específico de primeiros auxilios en mascotas, o 12 de decembro no Centro Cívico da Cidade Vella, de 17.00 a 20.00 horas (20 prazas); dúas sesións sobre actuación en situacións de emerxencia, os días 1 e 10 de decembro, de 17.30 a 20.00 horas, repartidas entre o Centro Cívico da Cidade Vella e o Ágora (20 prazas por grupo); e unha sesión informativa en liña sobre emerxencias climáticas, cultura preventiva, inundacións e fenómenos meteorolóxicos adversos, o 9 de decembro, de 17.00 a 19.00 horas, con 50 prazas.

A programación complétase cun curso de iniciación á meditación e ao mindfulness, que se desenvolverá os días 25 e 27 de novembro e o 2 de decembro no Centro Cívico da Cidade Vella, en horario de 18.00 a 20.00 horas, con 25 prazas, orientado a favorecer o benestar emocional e a xestión do estrés.

As inscricións xa están abertas e permanecerán dispoñibles até completar prazas en cada curso ou obradoiro, a través dun formulario en liña no que as persoas interesadas deberán indicar os seus datos e escoller as actividades nas que desexan participar. As prazas cubriranse por orde de inscrición e habilitaranse listaxes de agarda. Desde o Servizo de Participación recoméndase comunicar calquera baixa con antelación para poder ofrecer a praza a outra persoa.

Nereida Canosa subliña que se trata dun recurso municipal pensado tanto para acompañar ás entidades como para facilitar que calquera persoa poida formarse e implicarse máis na vida comunitaria. Ao reforzar o tecido asociativo, conclúe, fortalece tamén a democracia local e a cohesión social da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.072695016860962