A Coruña reabre ao tráfico a avenida da Sardiñeira: novo firme, beirarrúas máis anchas e carril bici na recta final da reurbanización

ACoruñaXa
A actuación, ligada á futura intermodal, inclúe cambios de sentido en Mariana Pineda, Francisco Catoira, Borrallón e San Rosendo para gañar accesos e permeabilidade
A CORUÑA av sardiñeira
30 Sep 2025

A avenida da Sardiñeira quedou hoxe aberta ao tráfico tras completarse a pavimentación cun novo firme no marco das obras de reurbanización que executa o Concello. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, salientou que a intervención entra na fase final e que a reapertura facilita o tránsito nos Mallos e na contorna da futura estación intermodal. Ademais do novo pavimento, acometeuse sinalización e pintado tanto na Sardiñeira como nas rúas interiores onde se axustaron os sentidos de circulación para mellorar os accesos e a conectividade interna: Mariana Pineda, Francisco Catoira, Borrallón e San Rosendo.

En paralelo, xa son visibles as novas beirarrúas, máis anchas e accesibles, e o treito de carril bici pensado para favorecer os desprazamentos non motorizados cara e desde a intermodal. “Neste novo escenario é fundamental incentivar alternativas ao coche e dotarnos das infraestruturas que o fagan posible”, indicou Díaz.

O Concello lembra que ten en execución case cinco millóns de euros na contorna da estación: a reurbanización da Sardiñeira (1,6 millóns, cofinanciados con fondos Next Generation), o novo viario de conexión coa avenida de Arteixo (2,2 millóns) e as melloras na avenida dos Mallos (1 millón), onde se está a renovar previamente a rede de saneamento. O obxectivo é ordenar a mobilidade do barrio e adiantar servizos á posta en marcha da intermodal como novo nó de transporte da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.30680799484253