A Coruña programa nove obradoiros de cociña infantil nos mercados municipais polo Nadal

O Concello da Coruña volverá apostar este Nadal pola cociña como ferramenta educativa para os máis pequenos. O Goberno local amplía un ano máis o ciclo de obradoiros de cociña infantil que se desenvolverán nos mercados municipais da cidade a partir do 22 de decembro, co obxectivo de achegar a nenos e nenas ao mundo da gastronomía e espertar o seu interese polos fogóns desde idades temperás.
Trátase de nove sesións gratuítas, aínda que con praza limitada, nas que profesionais da cociña guiarán ás crianzas na elaboración de receitas sinxelas, adaptadas á súa idade, e lles amosarán conceptos básicos de alimentación saudable, hixiene e seguridade na cociña.
O prazo de inscrición abrirase mañá mércores, 10 de decembro, ás 10.00 horas, e permanecerá activo até o venres 12 de decembro, tamén ás 10.00 horas. As familias interesadas deberán solicitar praza presencialmente nas conserxerías dos mercados municipais ou enviando un correo electrónico ao enderezo inscripciones@totemgestion.com.
'Apostamos por este tipo de iniciativas porque axudan a que as nenas e nenos lle perdan o medo á cociña da man de persoas expertas. Queremos transmitirlles que seguir receitas tamén pode ser divertido e creativo', subliñou a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, quen enmarcou estes obradoiros na ampla programación de Nadal deseñada polo Goberno de Inés Rey.
Os mercados que acollerán as actividades serán os de Durmideiras (22 de decembro), Elviña (23 e 29 de decembro), Monte Alto (23 de decembro), Eusebio da Guarda (26 e 30 de decembro), Santo Agostiño (26 e 30 de decembro) e Ramón Cabanillas (29 de decembro). Todas as sesións desenvolveranse en horario de 11.00 a 13.00 horas. O Concello anima ás familias a inscribirse canto antes para garantir praza e desfrutar dunha proposta de lecer diferente nestas datas festivas.