A Coruña prevé 150.000 persoas nas praias para vivir a máxica noite de San Xoán

ACoruñaXa
O Concello activa un amplo operativo de seguridade e limpeza para esta declarada Festa de Interese Turístico Internacional
riazor-san-xoan
23 Jun 2025

A cidade da Coruña prepárase para acoller unha nova edición do San Xoán, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, cun dispositivo especial de seguridade e limpeza que mobilizará arredor de 1.000 persoas. O operativo, que arrancará oficialmente o luns ás 5.30 horas coa activación do Centro de Mando Móbil situado na coraza, ten como obxectivo garantir o desenvolvemento seguro da celebración máis emblemática da cidade.

As previsións apuntan á presenza de máis de 150.000 persoas na contorna das praias de Riazor, Orzán e Matadoiro. A alcaldesa, Inés Rey, destacou a magnitude da cita e a necesidade dunha planificación exhaustiva: “A complexidade desta celebración tan emblemática para todos os coruñeses e coruñesas require dunha coordinación exhaustiva de todos os corpos e forzas de seguridade que empezamos a preparar hai semanas”.

Durante a xornada, a Policía Local vixiará todos os distritos, tamén nos barrios onde máis de 700 persoas notificaron a realización de fogueiras e churrascadas. Este ano, a tradicional falla será prendida por integrantes do OAR Coruña, recentemente ascendido a División de Honra Prata, e da Asociación Cultural Donaire, en homenaxe ás cantareiras e á cultura galega no contexto do Día das Letras Galegas.

Entre as medidas destacadas figuran os cortes de tráfico que se producirán a partir das 19.00 horas no paseo marítimo, e a prohibición do baño desde as 22.00 horas. Tampouco se permitirá instalar tendas de campaña nas praias na noite do domingo ao luns, onde se reforzará a presenza da Policía Local.

O dispositivo contará con catro dotacións de bombeiros na contorna das praias, dúas na zona da falla e outra no propio Centro de Mando Móbil. No parque de Agrela manteranse dúas dotacións máis preparadas para posibles emerxencias. Así mesmo, haberá un grupo de rescate acuático composto por 10 persoas e unha embarcación, ademais dun servizo especial de salvamento e socorrismo nas praias con dúas lanchas para intervencións urxentes.

A sinalización de accesos ás praias realizarase mediante 12 bandeirolas distribuídas desde o Matadoiro ata As Escravas. O acceso rodado tamén se verá limitado nas rúas Antonio Viñes, Emilia Pardo Bazán, San Xosé e San Xoán, segundo determine a Policía Local en función da afluencia de público.

O Concello xa estableceu os puntos concretos de corte de tráfico na contorna das praias de Riazor, Orzán e Matadoiro, que poderán activarse antes das 19.00 horas se as circunstancias o requiren. Non se permitirá o estacionamento na explanada do Palacio dos Deportes nin na avenida Pedro Barrié de la Maza, e poderase ampliar a zona de restricións ao paseo de Rolda, San Roque de Afora e a rúa Matadoiro se fose necesario.

Os principais puntos de corte estarán situados nas interseccións entre Curros Enríquez con Zalaeta e Barrié de la Maza; Hospital con Zalaeta e Barrié; Barrié de la Maza con Rúa Alta; Rexedor Somoza con Comandante Fontanes; Alfredo Vicenti con Pondal; praza de Portugal con Alfredo Vicenti; avenida da Habana con praza de Portugal e a glorieta das Escravas. Todo está listo para unha noite de San Xoán que aspira a ser tan segura como inesquecible.

⚙ Configurar cookies
0.112380027771