A Coruña presenta a súa programación polo 8M co lema "Mulleres, liderando o cambio"

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presenta a programación municipal para conmemorar o 8M, Día Internacional das Mulleres. Durante todo o mes de marzo, o Concello desenvolverá máis de 20 actividades baixo o lema 'Mulleres, liderando o cambio', cunha aposta decidida por visibilizar o papel das mulleres en espazos de liderado, especialmente en sectores tradicionalmente masculinizados.
Rey, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou a importancia do lema elixido: "Non foi escollido ao azar senón dende a profunda reflexión, pois queremos poñer o foco niso que reivindicamos case cada día: a visibilización das mulleres como referentes en todos os ámbitos". A rexedora salientou o cambio social que está en marcha: "Durante décadas, as mulleres estivemos ausentes de moitos espazos, especialmente naqueles vencellados ao poder, á toma de decisións e á visibilidade. Pero iso está a cambiar, e cada vez somos máis as mulleres na primeira liña da ciencia, a tecnoloxía, a política, a cultura ou o deporte".
A programación inclúe propostas que abranguen cine, teatro, conversas, obradoiros, actividades educativas e deportivas. Segundo Nereida Canosa, "o obxectivo é ofrecer referentes sólidos para as novas xeracións e fomentar a educación na igualdade desde a infancia. A igualdade real só será posible se educamos aos nenos e nenas no respecto, na igualdade e na corresponsabilidade".
Entre os eventos máis destacados atópase a manifestación central do 8M, que partirá do Obelisco ás 20.00 horas e rematará na praza da Palloza. Ademais, este ano inclúse a actividade 'Sen Límites', que se celebrará o 21 de marzo nas Naves do Metrosidero, dirixida ao alumnado de secundaria. Neste espazo interactivo, mozas e mozos poderán coñecer de preto a mulleres que destacan en profesións tradicionalmente masculinizadas, como a policía local Ma de los Baños Rodríguez Álvarez, a bombeira Susana Pedreira, a piloto de rally Marta Loureiro Becerra, a skater Valentina Planes e a anestesista Isabel López Vila.
O mesmo día, na Domus, terá lugar a mesa redonda 'Conversas con... Mulleres xornalistas' ás 19.00 horas, coa participación de Lucía Dávila (DXT Campeón), Leticia Chas (Radio Cope, LaSexta), Lis Franco (La Voz de Galicia, Marca) e Mónica Marchante (Canal+, La Liga TV).
O ciclo complétase o 14 de marzo co encontro 'Conversas con... Mulleres STEM en acción', que se celebrará no Paraninfo da Universidade e estará dirixido ao alumnado de secundaria e bacharelato. Entre as participantes estarán a divulgadora científica Débora García Bello, a especialista en intelixencia artificial aplicada á saúde mental Ana Freire e a directora da Cátedra Aldaba-WIB Virginia Mato. Pola tarde, na Domus, celebrarase "Conversas con... Mulleres, liderando o cambio", coa intervención de Carolina Pecharromán, xornalista e editora de Igualdade de TVE; Nativel Preciado, escritora e referente do xornalismo español; e Uxía Oviedo de Dios, alcaldesa de Maceda. A xornada estará amenizada pola artista Catuxa Salom.
No eido deportivo, o 15 de marzo terá lugar a XIII Carreira Popular Torre de Hércules - XI Trofeo J.A. Varela Calviño, que inaugura o circuíto municipal 'Coruña Corre'. Ademais, desenvolverase a V Andaina Conmemorativa do Día da Muller, cun percorrido accesible de aproximadamente cinco quilómetros. A sáida será desde o paseo dos Menhires, e a participación é gratuíta, previa inscrición na web municipal.
O Concello da Coruña convida a toda a cidadanía a participar nesta programación, reafirmando o seu compromiso cunha sociedade máis igualitaria e con mulleres como protagonistas do cambio.