A Coruña prepárase para recibir este xoves a proba ciclista 'O Gran Camiño'

ACoruñaXa
O evento deportivo terá como punto de partida e de chegada a Torre de Hércules e afectará ao tráfico de diferentes puntos do centro da cidade ao longo da xornada
Imaxe do Centro Integral da Policía Local da Coruña
20 Feb 2024

A terceira edición do 'Gran Camiño', a proba ciclista por etapas máis importante de Galicia e unha das mellores de España, comezará o xoves 22 de febreiro cunha etapa contra o reloxo que se desenvolverá integramente na cidade da Coruña.

Trátase dunha contra o reloxo individual de 15 quilómetros con saída e chegada na Torre de Hércules que contará con algúns dos mellores ciclistas do mundo, como Jonas Vingegaard (vixente gañador do Tour de Francia), Egan Bernal, Ethan Hayter ou Carlos Rodríguez.

A terceira edición do Gran Camiño retransmitirase en directo a máis de 170 países e é un dos eventos deportivos do ano en Galicia. A proba xa é un referente nacional e internacional, formando parte do calendario internacional da UCI e sendo escollido no 2022 como mellor evento deportivo de Galicia.

Para a seguridade cidadá, o Concello habilitará diferentes pasos peonís que serán abertos e pechados en función do paso dos ciclistas polo circuíto. Haberá persoal municipal en cada un deles para indicarlle ao público cando pode cruzar a calzada.

Cal é o percorrido?

A etapa coruñesa terá a Torre de Hércules, no seu décimo quinto aniversario como Patrimonio da Humanidade, como punto de saída e chegada. Está prevista a participación de 120 ciclistas, que partirán un a un desde o faro, levando a cabo un percorrido de 14,9 quilómetros que atravesará o Paseo marítimo, os barrios de Cidade Escolar, Labañou, Os Rosales e O Portiño, desde onde os participantes regresarán polo paseo marítimo ata a Torre. Está previsto que o primeiro corredor saia ás 14.40 horas.

Esta proba contará cun amplo dispositivo de seguridade organizado polo Concello da Coruña, que garantirá o normal desenvolvemento da xornada. A proba transcorrerá polas seguintes vías: Paseo marítimo, Matadoiro, avenida Pedro Barrié de la Maza, avenida de Bos Aires, paseo de Rolda, avenida de San Roque (ata este punto, en sentido contrario ao establecido para a circulación de vehículos), avenida de Labañou, rolda de Outeiro, Manuel Azaña, Emilio Gonzalez López, Simón Bolivar, Carmen Rodríguez-Losada Trulock, estrada dos Fortes, estrada do Portiño e paseo marítimo ata a Torre de Hércules.

O dispositivo de seguridade quedará establecido a partir das 11.00 horas, procedendo ao peche total do circuíto ás 13.00 horas. A reapertura ao tráfico levarase a cabo de maneira progresiva, a partir das 17.15 horas e segundo a chegada dos participantes á meta. Os cortes de tráfico motivarán desvíos e regulación das rúas paralelas para minorar os efectos para as persoas usuarias e veciños afectados polo evento.

Onde haberá cortes de tráfico?

Na zona de Monte Alto e Riazor, ante o corte total do Paseo marítimo, recomendarase empregar como itinerarios de entrada e saída o túnel Mariña-Parrote e a rúa San Andrés. Na zona do estadio de Riazor permanecerá pechada a rúa Manuel Murguía, establecéndose como alternativas a avenida da Habana e Gregorio Hernández para o acceso á Terceira Rolda.

No barrio dos Rosales, por onde atravesará a proba, establecerase un peche da rúa Manuel Azaña, no tramo comprendido entre a rolda de Outeiro e Emilio González López; habilitándose acceso aos Rosales desde a estrada dos Fortes cara a rúa Simón Bolivar, e establecéndose unhas zonas de paso que en función do transcurso da proba e o paso dos corredores permitan acceder ás vías interiores. Do mesmo xeito aplicaranse medidas similares para permitir o acceso e saída na zona de Labañou e vivendas do grupo María Pita.

Na zona do Portiño, será necesario restrinxir a circulación de vehículos mentres dure a proba, que se restablecerá en canto o paso dos corredores e participantes así o permita.

Tendo en conta que na zona de alteracións do tráfico se atopan centros escolares e educativos, asistenciais, servizos públicos, aparcadoiros etc, contactouse con todos eles para dar traslado das medidas previstas e as alternativas expostas para causar os menores prexuízos posibles, así como ás diferentes asociacións veciñais co fin de garantir a seguridade durante o desenvolvemento da proba e compatibilizar isto coas necesidades dos veciños e usuarios.

Aparcadoiros e BiciCoruña

Aínda que se verán afectadas directamente as zonas de Durmideiras (unicamente na contorna do hotel), Monte Alto, Riazor e Paseo marítimo, a zona máis afectada será a dos Rosales. Tamén haberá restricións de aparcadoiro en ditas zonas e veranse afectados os autobuses urbanos e os do transporte escolar con cambios de percorridos polo corte do Paseo marítimo, entre a Torre e os Rosales e no interior do barrio dos Rosales.

No aparcadoiro subterráneo do Paseo marítimo haberá varios accesos cortados, quedando habilitadas dúas entradas (praza de Portugal e rúa Alta) e dúas saídas (rúa Rubine e rúa Sol).

Por outra banda, tamén será necesario anular o funcionamento de cinco estacións de BiciCoruña que se atopan no percorrido. Serán as do Aquarium, Torre de Hércules, Casa do Sol, Os Rosales-Labañou e Millenium. As bases alternativas son: Durmideiras, Mercado de Monte Alto, Orillamar, Campo de Marte, Obelisco, praza de Pontevedra, Cidade Escolar e Os Rosales.

Como afecta ao transporte educativo?

Os centros educativos que se verán afectados pola carreira ciclista serán os seguintes:

  • IES Durmiderias: Restricións de aparcadoiro en todo o barrio desde o día anterior, que estará ocupado polos vehículos (camións técnicos e coches) dos equipos. Haberá un corte do acceso polo paseo dos Menhires.
  • CIFP Ánxel Casal: Non se poderá acceder nin saír en coche ao centro a partir das 11.00 horas. Haberá restricións de aparcadoiro desde o luns 19, só se poderá aparcar dentro do recinto escolar (pero non desaparcar durante o día 22).
  • CPR Salesianos S. Juan Bosco: Non se poderá acceder desde ás 11.00 horas en coche á contorna do centro educativo. Haberá restricións de aparcamento durante todo o día e o anterior, no acceso do Paseo marítimo.
  • CEIP Eusebio da Guarda e IES Eusebio da Guarda: Non se poderá acceder nin saír en coche ao centro polo Paseo marítimo a partir das 11.00 horas. Afecta ao subministro do comedor escolar.
  • CPR Escravas do Sagrado Corazón: Non se poderá acceder nin saír en coche ao centro a partir das 11.00 horas. Saída de escolares: terán que cruzar o Paseo marítimo polo aparcadoiro subterráneo, baixando e subindo polas ramplas de acceso a peóns. Afecta ao transporte escolar, que tería que estacionar na explanada do Palacio dos Deportes.
  • IES Rosalía Mera e Residencia Universitaria Elvira Bao (UDC): Acceso exclusivo pola rúa Archer Milton Hungtington. Haberá restricións de aparcamento durante todo o día pola zona.
  • CEIP Emilia Pardo Bazán, EIM Os Rosales, CEI Trastes Os Rosales e EI Padre Rubinos: Terán acceso moi restrinxido en coche e autobús de 12.00 a 17.30 h. Afecta ao transporte escolar do CEIP EPB para 20 escolares do CEIP do poboado O Campanario (O Portiño). Afecta ao subministro do comedor escolar.
  • CPR Calasancias e CPR Calasanz PP Escolapios: Restricións de aparcadoiro e mobilidade en todo o barrio dos Rosales. Acceso restrinxido aos Rosales pola estrada dos Fortes en Madeiras Peteiro; e saída pola rolda de Outeiro dirección saída cidade. Afecta ao alumnado que vive nos Rosales.
  • CEIP San Pedro de Visma: Afecta ao alumnado que vive nos Rosales e no poboado do Campanario.

 

0.19364500045776