A Coruña prepárase para acoller os Premios EMHU 2025: o humor máis internacional toma a cidade

O Encontro Mundial de Humorismo celebrará a súa quinta edición do 24 de abril ao 4 de maio con entradas xa esgotadas para a súa gala de despedida no Teatro Colón. A Coruña converterase, unha vez máis, na capital internacional da comedia coa celebración da quinta edición do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU), que terá lugar entre o 24 de abril e o 4 de maio. Nesta xornada, a organización vén de anunciar as figuras que recibirán os prestixiosos Premios EMHU 2025: a actriz e presentadora Eva Hache, o comediante mexicano Franco Escamilla e a guionista e actriz Marta González de Vega.
O recoñecemento entregarase durante o xa mítico Fantastic Colofon, a gala de despedida do evento, prevista para o domingo 4 de maio ás 20:00 horas no Teatro Colón, e que este ano contará co humor de Álex Clavero, Ana Morgade e JJ Vaquero como mestres de cerimonias. O público respondeu con entusiasmo, e as entradas para esta cita están completamente esgotadas.
Tres premios, tres estilos, unha paixón común polo humor
Eva Hache será galardoada co Premio EMHU Wenceslao Fernández Flórez, en recoñecemento á súa dilatada traxectoria como actriz, directora e presentadora. Presenza habitual en televisión e nos escenarios máis importantes do país —incluído o propio EMHU—, destaca pola súa expresividade e ritmo escénico, que a consolidaron como unha das grandes impulsoras do humor en España.
A EMHU Fenómeno desta edición será Marta González de Vega, guionista de comedias taquilleiras como Padre no hay más que uno ou A todo tren, e creadora do espectáculo De Caperucita a loba, que leva unha década triunfando en Madrid. No marco do festival, participará na charla Anatomía do humor (venres 2, Teatro Colón) e nas dúas funcións do show Humoris Causa (sábado 3, Palexco).
O Premio EMHU Castelao, que homenaxea a grandes referentes internacionais do humor, recae este ano en Franco Escamilla, auténtico fenómeno global do stand up en español. Os seus especiais de Netflix e a súa presenza nas redes fixérono popular a nivel mundial. O artista presentará en Galicia, dentro do EMHU, o seu novo espectáculo SHOW 1995 o 3 de maio, tamén con entradas esgotadas.