A Coruña prepárase para a súa carreira estrela: a XIX Coruña10 celebrarase o 5 de outubro

ACoruñaXa
A organización premiará economicamente ás primeiras persoas clasificadas, segundo categoría e procedencia
carreira-corunha-c10
26 Jul 2025

A Carreira Popular Coruña10, a cita máis multitudinaria do atletismo na cidade herculina, celebrará a súa décimo novena edición o domingo 5 de outubro. O evento contará cun circuíto urbano homologado pola Real Federación Española de Atletismo e repartirá 9.700 euros en premios entre os mellores atletas. A organización abrirá este luns o prazo de inscrición, que se prolongará ata o 28 de setembro.

As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición a través da web www.carreirasgalegas.com. A cota será de 9 euros para quen se inscriba ata o 17 de agosto, de 13 euros ata o 26 de setembro, e de 20 euros durante o prazo extraordinario, os días 27 e 28 de setembro. Tamén se habilitará un punto de inscrición presencial no centro de El Corte Inglés da rúa Ramón y Cajal a partir do 28 de xullo, no seu horario comercial.

A proba, cun percorrido sobre asfalto e practicamente chairo, terá saída e meta en Porta Real e seguirá un trazado moi similar ao da última edición. Ademais da carreira absoluta, a Coruña10 inclúe categorías para menores, desde peques ata sub-18, con participación gratuíta.

A organización premiará economicamente ás primeiras persoas clasificadas, segundo categoría e procedencia. Ademais, quen consiga bater o récord da proba —establecido en 28’09’’ na categoría masculina e 31’40’’ na feminina— recibirá un premio extra de 2.000 euros.

 

⚙ Configurar cookies
0.35911798477173