A Coruña prepara a Cabalgata de Reis do 5 de xaneiro, peche do Nadal municipal

A Coruña encamiña a recta final do Nadal coa mirada posta na Cabalgata de Reis do luns 5 de xaneiro. Ese día, as Súas Maxestades de Oriente visitarán diferentes barrios da cidade e, tras o percorrido, volverán ao Palacio Municipal de María Pita para completar a súa presenza na praza, un dos puntos centrais da programación destas datas.
Antes da gran xornada do día 5, Melchor, Gaspar e Baltasar instalaranse dende hoxe venres e ata o domingo (2, 3 e 4 de xaneiro) en María Pita para recolleren as cartas das nenas e nenos, acompañados polos paxes reais. O horario de atención será de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas.
Outras actividades
A axenda municipal inclúe máis propostas para os vindeiros días. Dende hoxe, 2 de xaneiro, continúan as festas infantís de Nadal nos centros cívicos, con obradoiros e dinamización en: Os Rosales (hoxe 2, 16.30 h), Novoboandanza (hoxe 2, 17.30 h), Os Mallos (sábado 3, 16.30 h), Mesoiro (sábado 3, 18.30 h), Cidade Vella (domingo 4, 16.30 h) e San Pedro de Visma (domingo 4, 17.30 h).
Tamén hoxe, a partir das 17.00 horas, os paxes reais visitarán varias Bibliotecas Municipais (Ágora, Fórum Metropolitano, Durán Loriga, Sagrada Familia e Monte Alto).
A actividade completarase coas últimas sesións na Casa dos Xoguetes, que rematan o sábado 3, e coa posibilidade de visitar o Belén Municipal en María Pita ata o martes 6 de xaneiro.