A Coruña premiará ás PEMES polas súas boas prácticas en igualdade e conciliación

ACoruñaXa
A iniciativa busca recoñecer o esforzo das empresas locais en prol da igualdade de oportunidades e da conciliación laboral e persoal
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
20 sep 2024

O Concello da Coruña vén de convocar os Premios 2024 ás Boas Prácticas das PEMES en materia de igualdade, conciliación e corresponsabilidade. Esta iniciativa, promovida polo Goberno de Inés Rey, pretende recoñecer e incentivar as empresas que adoptan medidas a prol da igualdade de oportunidades e a conciliación entre a vida laboral e persoal.

Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, subliñou a importancia deste proxecto afirmando que "con estes premios buscamos fomentar entre as empresas medidas que promovan unha vida máis igualitaria para todos os seus traballadores e traballadoras."

O concurso establece seis premios repartidos en dúas categorías: Igualdade e Conciliación. Cada categoría contará cun primeiro premio dotado con 7.000 euros, un segundo de 5.000 euros e un terceiro de 3.000 euros. As empresas interesadas poderán consultar as bases da convocatoria na web municipal e presentar as súas solicitudes entre o luns 23 de setembro e o venres 4 de outubro, a través da sede electrónica do Concello.

Con esta acción, o Goberno local continúa a súa aposta por promover a igualdade no ámbito empresarial e reforzar o compromiso co benestar social e laboral dos traballadores e traballadoras coruñesas.

0.20258688926697