A Coruña pecha xuño cunha fin de semana de festas nos barrios de Os Mallos e Bens

ACoruñaXa
Celebracións financiadas para fomentar a participación cidadá e reforzar o tecido social dos barrios
festas-barrios-corunha
28 Jun 2025

A Coruña despedirá o mes de xuño cunha intensa axenda festiva nos barrios de Os Mallos e Bens, que vivirán esta fin de semana as súas celebracións populares financiadas polo Concello dentro do plan de apoio ás entidades veciñais para as festas patronais.

Esta liña de subvencións, que conta cun orzamento global de 500.000 euros, busca fomentar a participación cidadá e reforzar o tecido social dos barrios a través da cultura e o lecer. “Desde o Goberno de Inés Rey temos democratizado este ano o proceso para que os diferentes barrios celebren as súas festas, dándolle ás asociacións unha maior autonomía para que confeccionen os programas”, sinala o concelleiro Gonzalo Castro.

Os Mallos: tres días de música, homenaxes e animación na rúa

O barrio dos Mallos comezaron as súas festas este venres na rúa Ángel Senra cun pregón a cargo da alcaldesa, Inés Rey. A xornada contou cun momento emotivo: unha homenaxe aos fundadores do histórico Club Feminino Karbo. A música continuou coa Orquestra Saudade como peche da noite.

Este sábado, a animación arrincará pola mañá cun pasarrúas da agrupación Aturuxo na rúa Antonio Viñes, seguida dunha sesión musical de Mar Davila desde as 13.00 horas. Á mesma hora, na rúa Diego Delicado, actuarán The Homeless e DJ Pukas, nun ambiente que se completará cunha churrascada organizada pola peña Tralla Brava.

Pola tarde, desde as 17.00 horas, haberá festa da escuma e actuación do DJ Javito, ademais dun taller de maxia a cargo de Charly Brown en Ángel Senra. A verbena do sábado estará animada pola Orquestra Brigantium a partir das 21.00 horas.

O domingo, os Kilomberos de Monte Alto protagonizarán un pasarrúas e Mar Davila regresará á rúa Diego Delicado cunha nova sesión musical desde as 13:00 horas.

Bens: tradición, gastronomía e diversión para todas as idades

Tamén en Bens haberá festa todo a fin de semana. O venres tivo lugar unha churrascada popular e verbena a cargo da Orquestra Finisterre. O sábado comezará cunha sesión vermú do Dúo Matices ás 14.30 horas, e continuará pola noite cunha polbada ás 21.00 e a música de Los Satélites na verbena.

O domingo, as actividades arrancarán ás 10:00 horas con dianas e alboradas. Ás 14.30 horas haberá sesión vermú con D’Vicio, que tamén pechará as festas cun concerto ás 21.00 horas. Durante a tarde, os máis pequenos gozarán dunha festa infantil ás 18.00 horas e os maiores poderán participar nun torneo de chave ás 19.00.

Así, A Coruña vivirá unha fin de semana marcada pola música, a tradición e a vida comunitaria, reflectindo o compromiso do Concello por impulsar unhas festas feitas “desde e para os barrios”.

⚙ Configurar cookies
0.1762580871582