A Coruña pecha o Día das Letras Galegas 2025 cun emotivo tributo ás cantareiras

ACoruñaXa
O acto de clausura da programación tivo lugar na Fundación Luís Seoane nun encontro cargado de emoción
seoane-fundacion
26 May 2025

A Fundación Luís Seoane foi escenario do acto de clausura da programación municipal do Día das Letras Galegas 2025, cun encontro cargado de emoción e memoria dedicado ás cantareiras, homenaxeadas nesta edición como referentes da tradición oral e da transmisión cultural en clave feminina.

Baixo a moderación da xornalista Gemma Malvido, o acto reuniu a voces expertas como Richi Casás, Isabel García, José Manuel Pensado, Xosé Manuel Varela e Icía Varela, quen debullaron as traxectorias das sete mulleres recoñecidas pola Real Academia Galega. A sesión permitiu afondar na súa conexión coa cidade da Coruña, no pioneirismo de figuras como Eva Castiñeira no folk galego, e na relevancia das gravacións de Dorothé Schubarth e da discográfica Ruada para a preservación deste legado.

Tamén houbo espazo para a reflexión sobre a evolución da música tradicional galega e o papel fundamental dos medios na transmisión da cultura oral. O peche musical correu a cargo do dúo Casás\&Barcia, que interpretou pezas baseadas no repertorio oral das cantareiras, nunha actuación chea de emoción e respecto que funcionou como celebración colectiva.

Este acto puxo fin a catro días de programación que se desenvolveron do 16 ao 18 e o 25 de maio en diversos espazos da cidade, cunha ampla proposta de actividades para todos os públicos: concertos, foliadas, teatro, pasarrúas, contacontos e unha gala especial no Teatro Rosalía.

Os Xardíns de Méndez Núñez, o Campo da Leña, a praza de San Andrés, o Teatro Colón ou a praza da Azcárraga foron algúns dos escenarios que acolleron unha programación coral, da que formaron parte agrupacións e artistas como Cántigas da Terra, Donaire, Xacarandaina, Belém Tajes, Eris Mackenzie, Ortiga, Zavala, Ulex, Breo, Carabela ou Maghúa. Entre os momentos máis destacados estivo tamén a gala conmemorativa do 70 aniversario da A.F. Aturuxo, cun recoñecemento especial ás Pandereteiras de Mens.

Esta iniciativa enmárcase na aposta cultural do Concello da Coruña, que nos últimos anos vén promovendo o patrimonio inmaterial galego e o papel das mulleres na cultura. Un compromiso impulsado polo Goberno de Inés Rey, que continúa reforzando o apoio a proxectos que valoran a lingua, a tradición oral e a participación cidadá na vida cultural da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.13841819763184