A Coruña pecha o ciclo Poetas Di(n)versos con David Odiase e Lúa Mosquetera no Ágora

ACoruñaXa
Dirixido por Yolanda Castaño, este programa achega cada mes á cidade recitais de poetas galegos e internacionais
agora-coruña
22 Jun 2025

Este luns 23 de xuño terá lugar no auditorio do Centro Sociocultural Ágora o último recital da edición actual do ciclo Poetas Di(n)versos. Dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, este programa achega cada mes á cidade recitais de poetas galegos e internacionais. A sesión dará comezo ás 20.00 horas e a entrada será libre ata completar aforo, ademais de poder seguirse en directo a través do canal de YouTube de Poetas Di(n)versos.

Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, destacou que “desde o Goberno de Inés Rey seguimos apoiando unha iniciativa xenuína e única a nivel galego que permite á cidadanía coñecer e gozar ao vivo de grandes nomes da poesía, tanto do país como internacionais”. Nesta ocasión, o público poderá escoitar as voces do poeta nixeriano David Odiase e da artista multidisciplinar de Miño Lúa Mosquetera.

David Odiase é membro do Colectivo de Narradores Africanos e un creador que mestura poesía, performance, cinema, instalacións e tecnoloxías indíxenas. A súa obra aborda e cuestiona as epistemoloxías e imaxinarios culturais de África, traballando para desmantelar narrativas hexemónicas, combater estereotipos e restituír a cultura africana máis alá dos discursos coloniais. Formado en renomeadas institucións como a Academia de Cine de Baden-Württemberg, Odiase expuxo o seu traballo en festivais e institucións de África, Europa e América, sendo finalista nos Premios Internacionais da Creatividade Moza dos Emmy 2023.

Pola súa banda, Lúa Mosquetera, nacida en Miño en 1988, é graduada en Lingua e Literatura Galegas e campioa do Poetry Slam de Compostela en 2021. Conta con catro poemarios publicados, entre eles Espíderman (Galaxia, 2022), e unha novela titulada ¡Yo vivo! (2022). O seu poema “Anorak de pel de caribú” foi recoñecido como Mellor Poesía da Galiza en 2021 polos Premios ARitmar. A súa poesía, que aborda temas como o feminismo, a perda, a precariedade económica ou o empoderamento, chega ao público a través do spoken word, combinando palabras con música en colaboración con Pablo Seijas.

Este recital pecha unha nova edición dun ciclo que continúa a consolidarse como un referente da poesía contemporánea en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.15557312965393