A Coruña organiza un mercado sostible no Paseo das Pontes
O Paseo das Pontes acolle este domingo 28 a súa primeira edición do mercado sostible municipal, unha cita organizada polo Concello co obxectivo de concienciar sobre a importancia de fomentar a economía circular e a compra responsable.
Das 10.00 ás 15.00 horas, estarán abertos ao público uns vinte postos nos que comercios de proximidade e pequenos negocios porán á venda os seus productos de artesanía e alimentación ecolóxica, entre outros conceptos.
Ademais, ao longo da mañá, as persoas asistentes poderán participar en múltiples actividades ideadas para todos os públicos. No caso das crianzas, haberá un espazo de dinamización infantil aberto ata a conclusión do mercado, así como un obradoiro creativo no que as e os pequenos aprenderán a fabricar xoaniñas con materiais reciclados. A participación é de balde, mais hai unha cota máxima de 15 prazas, con inscrición previa no propio mercado, desde primeira hora. O taller comenzará ás 11.30 horas.
Xa a partir das 12.30 horas, terá lugar unha sesión de showcooking na que o persoal responsable da repostaría Bensenta ensinaralle ás persoas asistentes o proceso de elaboración de aperitivos saudables, sen glute, sen lactosa e sen azucres refinados. A participación é de balde, tamén con inscrición previa no mercado.
Os barrios, protagonistas no calendario dos mercados ata finais de ano
A programación dos mercados ecolóxicos e sostibles continuará nas vindeiras semanas en máis barrios da Coruña. Ademais de volver ao Paseo das Pontes, o calendario de eventos previstos ata finais de ano inclúe o desenvolvemento dos mercados no Campo da Leña, a praza da Tolerancia, 1 Nota de Prensa en Labañou, o parque Europa, a praza de Azcárraga, a praza de Vigo, o parque da Tirolesa de Novo Mesoiro e a praza de San Cristovo, nos Mallos.
Desta forma, o Goberno de Inés Rey amplía o radio de acción desta iniciativa a máis distritos da cidade, baseándose na boa experiencia acadada polos mercados ecolóxicos municipais nas súas localizacións habituais e atendendo tamén ás propias solicitudes da veciñanza dos diversos barrios da Coruña. 2