A Coruña ofrece mediar coa Xunta ante o encarecemento das vivendas sociais en Xuxán

ACoruñaXa
O Concello esixe que as administracións e entidades implicadas actúen con responsabilidade
corunha-xuxan
30 Apr 2025

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda da Coruña, Francisco Díaz Gallego, mantivo unha reunión coas persoas cooperativistas afectadas pola subida inesperada das condicións económicas impostas pola cooperativa Galivivienda, encargada de promover catro parcelas destinadas a vivenda social en Xuxán.

As promocións, que suman un total de 224 vivendas repartidas en catro bloques —de 60, 60, 90 e 14 vivendas respectivamente—, foron cedidas pola Xunta para a súa construción a través de cooperativas, mais non están promovidas directamente pola administración autonómica. Todos os edificios contan xa con licenza para o inicio das obras.

Segundo relataron os cooperativistas ao edil, cando asinaron os contratos prevían acceder ás vivendas por un pagamento mensual de 500 euros. Porén, nos últimos días a cooperativa modificou as condicións e exixe agora un pago adicional de 475 euros mensuais durante unha década, o que supón un desembolso total de 975 euros ao mes. "Un prezo completamente inasumible para persoas que acceden a vivenda social precisamente por non contar con recursos económicos suficientes", apuntaron as persoas afectadas.

Díaz Gallego cualificou a situación de “inxusta” e manifestou a súa disposición a mediar coa Xunta de Galicia para buscar unha solución que garanta o acceso á vivenda social en condicións razoables. “Non é de recibo que a solución para a vivenda social que propón a Xunta pase por facer que as persoas teñan que pagar tales cantidades”, sinalou o concelleiro, facendo fincapé na necesidade de garantir que estas vivendas cumpran coa súa función social e non se convertan nun produto inaccesible. O Concello esixe que as administracións e entidades implicadas actúen con responsabilidade para non desvirtuar o obxectivo da vivenda pública.

⚙ Configurar cookies
0.12134885787964