A Coruña mobilízase un ano máis contra o cancro cunha nova edición da andaina solidaria da AECC

A Coruña volverá tinguirse de verde este domingo 8 de xuño coa celebración da XII edición da andaina solidaria ‘A Coruña en Marcha contra o Cancro’, promovida pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) na provincia da Coruña e co apoio do Concello. O evento, non competitivo e pensado para todas as idades, comezará ás 10.00 horas dende o Obelisco e percorrerá un traxecto de cinco quilómetros polo centro da cidade.
A presentación oficial da cita tivo lugar no propio Obelisco e contou coa participación da concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa; o concelleiro de Deportes, Manuel José Vázquez Martínez; o presidente da Xunta Provincial da AECC, Manuel Aguilar; a investigadora do INIBIC, Angélica Figueroa; así como persoas voluntarias, doentes oncolóxicos e representantes das entidades colaboradoras.
Durante o acto, a concelleira Nereida Canosa destacou o valor simbólico da andaina, máis alá do seu carácter deportivo, ao afirmar que se trata dunha mostra do espírito solidario da cidade, e unha oportunidade para “acompañar as persoas afectadas polo cancro, darlle visibilidade á súa realidade e reivindicar a importancia da investigación científica”.
Na mesma liña, Manuel Aguilar, presidente da AECC na provincia, quixo agradecer a implicación das persoas voluntarias, das empresas colaboradoras e do propio Concello, subliñando que esta marcha solidaria “é moito máis ca unha marcha: é un compromiso colectivo co apoio, a investigación e a esperanza”.
A doutora Angélica Figueroa, investigadora do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), fixo fincapé no respaldo da AECC á ciencia e ao avance médico, asegurando que accións como esta “teñen un gran valor tanto para os doentes como para o impulso de proxectos que buscan avanzar no coñecemento e tratamento do cancro”.
A inscrición para participar continúa aberta ata o propio domingo, podendo formalizarse a través da web, na sede da AECC (rúa Real, 1) ou na sección de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal. O custo da inscrición é de 10 euros para persoas adultas e 5 euros para menores de 12 anos. Ademais, aquelas persoas que non poidan asistir teñen a posibilidade de colaborar mediante o Dorsal 0, dispoñible na web, por Bizum (06505) ou mediante transferencia bancaria.
Durante toda a mañá do domingo, as persoas participantes poderán gozar de actividades lúdicas e sorpresas pensadas para todos os públicos. Os fondos recadados destinaranse integramente ao financiamento de programas de investigación oncolóxica e á prestación gratuíta de servizos que a AECC ofrece na provincia, como apoio psicolóxico, fisioterapia, nutrición ou logopedia. Só no último ano, máis de 2.500 persoas beneficiáronse destas iniciativas.