A Coruña mobiliza case mil persoas para garantir unha noite de San Xoán segura

ACoruñaXa
A programación deste ano inclúe concertos, teatro e actividades culturais
san-xoan-corunha
9 Jun 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a Xunta Local de Protección Civil para coordinar o amplo dispositivo previsto para a noite de San Xoán, declarada Festa de Interese Turístico Internacional. O operativo, que involucrará a preto de 1.000 persoas entre efectivos de seguridade, limpeza e servizos de emerxencia, buscará garantir unha celebración segura, ordenada e respectuosa co espazo público e co medio ambiente.

“A noite de San Xoán é a máis especial do ano para moitos coruñeses e coruñesas, mais tamén ten unha complexidade engadida para nós como Concello, que nos esixe a máxima coordinación en materia de seguridade, mobilidade e limpeza”, destacou Inés Rey, acompañada de varios concelleiros das áreas implicadas.

Un operativo exhaustivo por terra e mar

O despregamento incluirá un Centro de Mando Móbil situado na Coraza e 12 cámaras de vixilancia ao longo do paseo marítimo. O posto médico avanzado da Cruz Vermella volverá instalarse, e haberá catro dotacións dos Bombeiros nos areais, máis dúas de apoio en Agrela. Ademais, estableceranse rutas de evacuación cara aos centros hospitalarios e un grupo de rescate acuático con embarcacións e persoal especializado.

Nas praias tamén haberá un servizo reforzado de salvamento e socorrismo, así como controis desde o día 20 para evitar acopios de madeira non autorizada.

Prevención ambiental e limpeza intensiva

A xestión ambiental será outro dos piares da organización. O Concello distribuirá 120 toneladas de madeira apta para queima en 14 puntos e instalará máis de 25 zonas de recollida de residuos con contedores separados para lixo orgánico, inorgánico e vidro, co apoio de Ecovidrio, que repartirá 3.000 entradas para o Aquapark de Cerceda como incentivo ao reciclaxe.

Ás 6.00 horas do día 24 iniciarase o desaloxo dos areais e os traballos de limpeza, que incluirán un camión cisterna para apagar as cachelas e cribar a area. Tamén se reforzará a limpeza nos barrios con maior actividade festiva como Labañou, Vioño, Os Rosales ou a Cidade Vella, e haberá máis de 50 aseos portátiles distribuídos ao longo do litoral.

Limitacións e zonas de exclusión

Co obxectivo de garantir a seguridade e a sustentabilidade da festa, o Concello lembra que está prohibido realizar fogueiras preto de colectores ou vehículos, usar líquidos inflamables, queimar materiais contaminantes como plásticos ou goma espuma, ou acceder ás praias con mobles. Tampouco se poderán soltar farois chineses nin trasladar contedores.

Establécense zonas de exclusión total para o lume, entre elas a contorna da Torre de Hércules, o Parque de Bens, os xardíns de San Carlos e Méndez Núñez, e diversas calas como Durmideiras ou a praia das Lapas.

Para facilitar a mobilidade e reducir o uso do coche particular, establecerase un dispositivo especial de transporte público con oito liñas que conectarán os barrios coa praza de Pontevedra ata as 02.30 h, e un servizo nocturno entre as 03.00 e as 06.30 h cunha frecuencia de 30 minutos.

Cultura para acompañar a noite máxica

A programación cultural incluirá, como cada ano, concertos tras a queima da falla e os fogos artificiais na explanada do Palacio dos Deportes, este ano a cargo de La Guardia e Hey Kid. Ademais, desde o venres 13 ata o luns 23 terá lugar a Ruada das Xoubas, un ciclo escénico con teatro, música, danza e maxia en distintos barrios.

A imaxe da campaña deste ano é obra da ilustradora ourensá Laura Pato, que xa colabora habitualmente con festivais e proxectos culturais galegos.

Inés Rey fixo un chamamento ao civismo e á convivencia: “O lume do San Xoán mantense prendido todo o ano porque as ganas de dar inicio ao verán coruñés van marcadas no noso ADN. Mais tamén facelo con sentidiño e responsabilidade”, e lembrou que “as praias son espazos de uso público e todos e todas temos dereito a gozar da noite de San Xoán”.

⚙ Configurar cookies
0.16025710105896