A Coruña lidera o cribado pioneiro de cancro de pulmón que a Xunta vai expandir agora a toda Galicia

A Coruña consolidouse como o punto de partida dun programa pioneiro de detección temperá de cancro de pulmón que a Xunta quere estender agora a toda Galicia. O proxecto, chamado LUNG-GAL, púxose en marcha no centro de saúde do Ventorrillo, na área sanitaria da Coruña e Cee, e Sanidade cualifícao de 'éxito' polo grao de resposta e polos resultados clínicos obtidos.
Na fase piloto, dirixida a persoas de 55 a 74 anos fumadoras ou exfumadoras con alta exposición ao tabaco, a participación chegou ao 72,2 %. Das preto de 400 persoas convocadas a someterse a unha tomografía computerizada de baixa dose, 273 acudiron á proba. Ese cribado permitiu detectar lesións sospeitosas en arredor do 7,4 % dos casos e confirmar cinco cancros de pulmón, dos que o 60 % estaban en fase inicial, cando as opcións de tratamento curativo son máis favorables.
A partir destes resultados, a Xunta decidiu ampliar o programa a toda a Comunidade. A Consellería de Sanidade comezará este mes de outubro a enviar SMS a 48.660 persoas de entre 55 e 74 anos usuarias do sistema público galego. A través desas mensaxes solicitaráselles cubrir unha breve enquisa para identificar perfís de risco: fumadores e exfumadores recentes cunha exposición tabáquica elevada.
As persoas que cumpran os criterios serán citadas para realizar unha tomografía de baixa dose nos hospitais de referencia das sete áreas sanitarias galegas. A previsión é que estas probas se leven a cabo no primeiro semestre de 2026. Segundo Sanidade, esta técnica permite localizar nódulos pulmonares moi pequenos con pouca radiación e aumenta as posibilidades de diagnóstico precoz e supervivencia.
A ampliación do LUNG-GAL conta cun orzamento de 60.405 euros e tamén servirá para calcular se este cribado pode incorporarse no futuro como servizo estable do sistema sanitario galego, tanto dende o punto de vista asistencial como económico. A Xunta lembra, ademais, que a prevención do tabaquismo continúa a ser unha prioridade: o ano pasado, 3.080 persoas recibiron apoio do servizo público galego para deixar de fumar.