A Coruña lembra a Moncho Reboiras con libro e exposición na Casa Museo Casares Quiroga

ACoruñaXa
A xornada combinou a presentación dunha publicación polo 50º aniversario do seu asasinato cun percorrido guiado pola mostra 'A semente de vencer', aberta ata o 31 de outubro
A CORUÑA homenaxe Moncho
17 Oct 2025

A Casa Museo Casares Quiroga acolleu este xoves unha nova cita de homenaxe a Moncho Reboiras, na que se presentou o volume 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras. Moncho Reboiras: Símbolo da Galiza que Loita (1950-1975) e se realizou unha visita comentada pola exposición A semente de vencer, instalada no propio espazo museístico.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou no acto e puxo en valor o labor do Goberno municipal na recuperación da memoria democrática, co propósito de lembrar a quen arriscou e perdeu a vida na defensa das liberdades. Na presentación tamén interviñeron Xesús Seixo Fernández, presidente da Fundación Moncho Reboiras, e Uxío-Breogán Diéguez Cequel, director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña.

A semente de vencer poderá visitarse ata o vindeiro 31 de outubro. A mostra reúne pezas de catorce creadoras e creadores que reinterpretan a figura do militante e sindicalista: Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Leandro Lamas, Celia Arcos, The Pink Phink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) e Estudo Aldea.

Moncho Reboiras, nado en Imo (Dodro) en 1950 e veciño de San Pedro de Visma, foi unha das voces máis destacadas do nacionalismo galego na clandestinidade e do sindicalismo de nación nos derradeiros anos da ditadura. Foi abatido pola policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975, con só 25 anos, converténdose dende entón nun símbolo de loita pola xustiza social e polo dereito de Galicia a decidir o seu futuro.

⚙ Configurar cookies
0.076294898986816