A Coruña lembra: 32.000 cans na cidade e multas para quen non recolla ou limpe os ouriños

O Concello da Coruña volve apelar á responsabilidade da veciñanza con cans a través da campaña “Pode saír caro”, coa que se busca garantir a hixiene nas rúas e reforzar o coidado do espazo público. A cidade conta actualmente con arredor de 32.000 cans censados, unha cifra que evidencia a importancia de manter unha convivencia respectuosa e limpa.
Baixo esta iniciativa, que continúa activa, o Concello xa repartiu 10.000 portabolsas e 5.000 botellas para diluír ouriños, facilitando así que as persoas propietarias poidan cumprir coas súas obrigas. Ao tempo, lémbrase que non recoller as deposicións ou non diluír as miccións con auga pode derivar en sancións económicas. De aí o nome da campaña: “Pode saír caro”.
As normas son claras: recoller os excrementos e depositalos no colector adecuado, e diluír as miccións con auga. Trátase de accións sinxelas pero fundamentais para garantir unha cidade máis limpa, segura e saudable para todas e todos.
O Concello reforza a mensaxe: a responsabilidade coas mascotas non é unha opción, é unha obriga. As condutas incívicas non só deterioran o espazo público, senón que tamén poden implicar multas. A convivencia entre persoas e animais pasa polo respecto mutuo e pola colaboración activa.