A Coruña lanza rutas guiadas para descubrir os mercados municipais e o peixe local

ACoruñaXa
Procuran achegar información sobre a tradición mariñeira da cidade de maneira interactiva e educativa
peixe-corunha
5 Mar 2025

O Concello da Coruña presenta unha nova proposta para dar a coñecer a actividade dos mercados municipais e poñer en valor os produtos pesqueiros capturados pola flota local. Trátase de experiencias guiadas que achegan información sobre a tradición mariñeira da cidade de maneira interactiva e educativa, converténdoas nunha vivencia inmersiva para todos os sentidos.

Segundo indicou Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, o Goberno de Inés Rey aposta por fomentar o consumo de produto local e fortalecer a actividade dos mercados municipais a través de iniciativas coma estas. As rutas partirán da Lonxa da Coruña, unha das máis relevantes en descargas de peixe fresco a nivel estatal e europeo. As persoas participantes, debidamente acreditadas, terán a oportunidade de presenciar en directo a poxa e comprender o funcionamento deste espazo clave na economía pesqueira local.

Durante o percorrido, os grupos exploraran diferentes zonas emblemáticas da cidade, adquirindo coñecementos sobre as artes de pesca, a sostibilidade e os criterios que garanten a frescura e calidade dos produtos ata chegar aos puntos de venda. Cada ruta culminará nun dos mercados municipais, onde se destacarán os seus aspectos diferenciais e se contará coa participación dos propios praceiros e praceiras, que compartirán a súa experiencia e falarán sobre os produtos que ofrecen diariamente.

A primeira destas rutas, que se celebrará o xoves 13 de marzo, percorrerá os Xardíns de Méndez Núñez ata chegar ao Mercado de San Agustín, onde se poñerá en valor a evolución urbanística da cidade. O xoves 10 de abril, o itinerario levará aos participantes ata Efectos Navais Pombo e o Mercado de Eusebio da Guarda, nunha viaxe pola historia pesqueira da Coruña. A derradeira ruta, prevista para o xoves 15 de maio, fará unha paréntese na natureza no Parque de Oza antes de concluír no Mercado de Elviña, exemplo do comercio local e de proximidade.

A iniciativa rematará cunha degustación especialmente elaborada para a ocasión, combinando sabores tradicionais e propostas gastronómicas innovadoras a base de peixe e marisco local. Unha experiencia completa que permite seguir o camiño do produto dende o mar ata a mesa, poñendo en valor a riqueza mariñeira da Coruña e promovendo o consumo responsable e de proximidade.

 

⚙ Configurar cookies
0.72406888008118