A Coruña inviste máis de 4 millóns de euros en novos equipamentos e melloras municipais

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobaron investimentos por máis de 4 millóns de euros destinados á creación e mellora de infraestruturas municipais en distintos puntos da cidade.
Unha parte destacada desta partida, 1,4 millóns de euros, destinarase á construción dun parque infantil único en Galicia na praza de Portugal, en Riazor. O proxecto, que forma parte do Plan de Parques Infantís 2025-2030, prevé ampliar e remodelar a actual área de xogos, que pasará de ter capacidade para 11 persoas usuarias a acoller case 150 nenas e nenos nun espazo de 800 metros cadrados. O recinto contará cunha estrutura ondulante de 55 metros, zona de calistenia e columpios adaptados a menores con mobilidade reducida.
A alcaldesa subliñou que esta actuación responde ás necesidades das familias e centros educativos da contorna, e destacou que o obxectivo do plan municipal é que todas as familias da cidade conten cun parque infantil a menos de dez minutos da súa vivenda antes do ano 2030.
Outro dos proxectos aprobados é a primeira pista multideporte ao aire libre de Monte Alto, que se construirá no parque Carlos Casares, entre a rúa Faro Finisterre e o Centro de Inserción Social. O investimento ascende a 237.000 euros e permitirá practicar baloncesto, fútbol-sala, voleibol, hóckey ou balonmán.
Tamén se licitan obras por máis dun millón de euros para mellorar as instalacións deportivas municipais. Na Cidade Deportiva da Torre, reformaranse os vestiarios cun investimento de 926.000 euros, mentres que nos pavillóns da Sagrada Familia e o Ventorrillo renovaranse as cubertas cun orzamento conxunto superior aos 300.000 euros.