A Coruña investirá 1,4 millóns no mantemento de colexios e apostará por máis espazos verdes

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a sesión ordinaria da Xunta de Goberno local, na que se aprobou a saída a concurso do contrato para a conservación e mantemento dos colexios e centros de educación especial da cidade. O investimento previsto ascende a 1,4 millóns de euros para os próximos dous anos, cunha opción de prórroga de ata tres exercicios adicionais.
Rey destacou o incremento orzamentario respecto ao contrato anterior, asegurando que permitirá atender as demandas urxentes e a longo prazo dos centros educativos. O contrato terá un impacto directo en 29 colexios da cidade, cunha ampla gama de melloras como a renovación das instalacións eléctricas, a reforma dos aseos e a construción ou rehabilitación de espazos de lecer. “Este servizo é fundamental para garantir que os centros dispoñan das condicións necesarias para ofrecer unha educación de calidade”, sinalou a rexedora.
Entre as intervencións xa realizadas, Rey lembrou a substitución de todas as ventás do edificio de actividades extraescolares do CEIP Emilia Pardo Bazán, no barrio dos Rosales, así como as melloras en colexios como o Ramón de la Sagra, María Pita en Elviña e Víctor López Seoane en Monte Alto. A alcaldesa aproveitou para subliñar que, malia que as competencias educativas son da Xunta de Galicia, “o Concello está comprometido coa comunidade educativa da cidade e segue atendendo as súas demandas na medida do posible”.
MÁIS ÁREAS VERDE
No mesmo acto, Rey anunciou que o Concello concorrerá á nova convocatoria de axudas da Fundación Biodiversidade para cofinanciar, cun orzamento de 3,4 millóns de euros, diversos proxectos destinados á creación de áreas verdes e á renaturalización de espazos urbanos. Esta iniciativa busca dar resposta ás demandas veciñais e mellorar a calidade de vida, especialmente en barrios con alta densidade poboacional como Sagrada Familia, Monte Alto e Agra do Orzán.
Entre as actuacións previstas destaca a creación de corredores ecolóxicos que conectarán espazos verdes e facilitarán a mobilidade sostible. Na Sagrada Familia, está previsto un corredor que unirá os parques de Vioño e Santa Margarida, mentres que en Monte Alto outro percorrido conectará o parque Carlos Casares co campo de Marte, pasando por puntos clave como a escola infantil Luís Seoane e a praza dos Avós.
O proxecto tamén contempla a restauración da zona húmida do parque de Eirís e a creación dun novo espazo similar no parque de Oza, así como melloras de biodiversidade na contorna da Torre de Hércules. Ademais, na Agra do Orzán, barrio caracterizado pola súa densidade urbanística e escaseza de espazos públicos libres, o Concello impulsará un proxecto piloto para implantar microespazos verdes mediante un proceso participativo coa veciñanza.
“Queremos que as veciñas e veciños sexan parte activa deste proceso e sintan como propios os novos espazos verdes que se crearán. Estes proxectos forman parte dunha estratexia para naturalizar a cidade e garantir que haxa máis verde en vez de máis gris”, recalcou Rey, quen lembrou que a apertura do parque do Observatorio, tamén no barrio da Agra, é un compromiso do actual mandato que se cumprirá nos vindeiros meses.
Rey pechou a súa intervención destacando a importancia de actuar fronte ao cambio climático a través da recuperación e ampliación dos pulmóns verdes da cidade: “O futuro da Coruña pasa por rexenerar a súa paisaxe urbana e facer dela un lugar máis sostible, accesible e amable para todas e todos”.