A Coruña inicia o proceso para rehabilitar Santa Lucía cun investimento de máis de 10 millóns de euros

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou a saída a concurso da dirección de obra para a rehabilitación do barrio de Santa Lucía, un paso esencial para dar inicio aos traballos que suporán un investimento superior a dez millóns de euros na zona da Falperra.
Rey destacou a importancia da contratación do servizo de asistencia técnica, que “permite verificar a calidade dos materiais e a correcta execución das intervencións atendendo ás liñas mestras e detalles técnicos do proxecto”. Este proxecto contempla a construción dun novo centro de saúde e dun novo centro cívico, así como a creación doutros espazos e dependencias públicas de usos múltiples.
A dirección de obra incluirá tamén a coordinación do plan de seguridade e saúde, que a alcaldesa cualificou como “unha ferramenta fundamental en materia de prevención de riscos laborais, con todo o que iso implica para o persoal traballador”.
O Concello destina 215.000 euros á licitación deste contrato de asistencia técnica, unha partida que forma parte do orzamento global para a rehabilitación de Santa Lucía. Inés Rey recordou que se trata dunha “intervención histórica e moi agardada pola veciñanza da Falperra e o Ensanche dende hai máis dunha década”.
A finais de xuño, a alcaldesa e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron o convenio de colaboración interadministrativa que certifica a próxima posta en marcha das obras, cuxa previsión é que comecen antes de finais de ano.
Preguntar a ChatGPT