A Coruña inicia a renovación do parque de Puga e Parga en Catro Camiños

O Concello da Coruña está a ultimar os trámites para comezar as obras de mellora no parque situado nas rúas Puga e Parga e Alexandre Bóveda, en Catro Camiños, cun investimento de 130.000 euros. A intervención forma parte dos compromisos asumidos polo Goberno local coa veciñanza e responde a unha das demandas históricas do barrio.
Os traballos, recentemente adxudicados á empresa Jardinería Arce, centraranse na renovación da área de xogos infantís e na reconfiguración do mobiliario urbano. Entre as actuacións previstas está a substitución da chapa perimetral por un valado de madeira resistente, a actualización do firme de caucho da zona de xogos e a instalación de novos equipamentos, como mesas de xadrez.
Ademais, tamén se intervirá nos espazos verdes: plantarase novo céspede sobre terra vexetal enriquecida e incrementará o arborado da zona. A rede de rego redimensionarase para garantir que a auga chegue a toda a superficie do parque. A previsión é que os traballos duren catro meses desde o seu inicio, permitindo humanizar e naturalizar este espazo público e adaptalo ás necesidades actuais da veciñanza.