A Coruña inicia a caducidade da concesión de catro aparcadoiros municipais por incumprimentos da empresa xestora

O Concello da Coruña avanza na súa folla de ruta do Plan de ordenación das concesións municipais coa declaración de caducidade da concesión administrativa outorgada a comezos dos anos noventa á empresa Aparcamientos REO, responsable da xestión de catro aparcadoiros municipais: María Pita, Mestre Mateo, San Cristovo e praza de Galicia.
A alcaldesa, Inés Rey, informou de que a Xunta de Goberno Local deu luz verde á medida tras constatarse “incumprimentos graves e continuados no tempo” na explotación destes estacionamentos. Segundo os informes municipais, a concesionaria tería incumprido obrigas esenciais de xestión, algo que, segundo o goberno local, queda tamén reflectido nas alegacións presentadas pola propia empresa.
Entre outros aspectos, o Concello sinala que REO chegou a apuntar que foron as comunidades de cesionarios as que viñeron asumindo durante dúas décadas o pago do canon, ademais de afrontar reparacións requiridas pola administración municipal.
Rey lembrou que constan escritos e queixas desde hai anos por parte das comunidades de usuarios. Como exemplo, citou as reclamacións remitidas pola comunidade do aparcadoiro de María Pita en 2014 e 2016 solicitando a caducidade da concesión polos incumprimentos. A concesión, segundo indicou a alcaldesa, tiña vixencia ata finais de 2036.
A rexedora defendeu que o actual goberno municipal manterá unha posición “firme” para esixir ás concesionarias o cumprimento dos contratos e advertiu de que, no caso contrario, o Concello utilizará “todas as ferramentas xurídicas” ao seu alcance para reverter a situación e recuperar as concesións.
A aprobación da declaración de caducidade na Xunta de Goberno leva aparellada a solicitude do ditame preceptivo ao Consello Consultivo de Galicia. O executivo municipal avanza que o seu obxectivo é poder licitar de novo estas concesións “o antes posible”.