A Coruña incorpora dous novos selos artísticos á Ruta N-VI da man de Héctor Francesch

O Concello da Coruña vén de presentar dous novos selos turísticos deseñados polo artista coruñés Héctor Francesch para a campaña de 2025 da Ruta N-VI, a emblemática iniciativa que conecta Madrid coa cidade herculina pola antiga estrada nacional. A presentación tivo lugar nun acto que contou coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, o propio artista e representantes da organización da ruta, entre eles o director de Turismo, Ignacio Dopico.
A Ruta N-VI, que desde hai tempo promove unha experiencia viaxeira enriquecedora, busca agora reforzar a identidade visual dos seus destinos. Coa incorporación destes selos personalizados, que se empregan para “selar” os pasaportes das persoas viaxeiras, preténdese mellorar a súa experiencia e fomentar un vínculo máis profundo e cultural coas cidades que atravesan. No caso da Coruña, esta aposta céntrase en destacar o seu patrimonio inmaterial e proxectar unha imaxe recoñecible e única.
“Desde o Goberno de Inés Rey apoiamos iniciativas coma esta que promoven unha proxección exterior da cidade e permítennos apostar por un turismo que ten como punto de destino A Coruña”, sinalou Gonzalo Castro durante o acto.
Os novos selos levan a sinatura de Héctor Francesch (A Coruña, 1977), artista autodidacta e multidisciplinar, con traxectoria recoñecida tanto dentro como fóra de Galicia. Francesch comezou a destacar na Bienal de Pintura de Betanzos en 1998 e dende entón expuxo en institucións e galerías en cidades como Madrid, Cádiz, Alacante, así como en Alemaña e Australia. A súa obra tamén forma parte de coleccións de prestixio como as do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Universidade Rey Juan Carlos ou a Fundación Arte XXI de Madrid.
Ademais da súa carreira como pintor, colaborou co Laboratorio de Formas de Sargadelos, e foi recoñecido en certames como o Premio Mercedes Benz 2000, o Certame de Pintura Concello de Cambre ou o Certame Isaac Díaz Pardo.
Con esta colaboración entre cultura e turismo, A Coruña dá un paso máis na súa estratexia de promoción exterior, fortalecendo o seu papel como destino final dunha das rutas históricas máis emblemáticas do Estado.