A Coruña inaugura Viñetas desde o Atlántico 2025 cunha edición máis internacional e creativa

A alcaldesa, Inés Rey, deu esta tarde o pistoletazo de saída á 28ª edición de Viñetas desde o Atlántico, un certame que se prolongará ata o 17 de agosto e que este ano aposta por un marcado enfoque internacional. Cun total de 73 autores e autoras de diferentes países, 20 exposicións e decenas de actividades, a cita consolídase como un referente cultural que transcende o cómic para abrirse a outras disciplinas como a música e a gastronomía.
O acto inaugural, celebrado no Kiosco Alfonso, contou coa presenza do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o director do festival, Manel Cráneo; o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e representantes de empresas colaboradoras como Hijos de Rivera. Entre os convidados destacan figuras de prestixio como Dave Cooper, Magius, Fermín Solís ou Paco Coyote, así como autoras e autores galegos e estatais recoñecidos.
O programa inclúe a mostra Quino na música, un concerto ilustrado de Hombre Tigre, obradoiros para todas as idades, encontros con creadores, proxeccións, visitas guiadas e a xa tradicional Rúa BD, que reúne 35 editoriais e librarías especializadas. Un dos momentos máis emotivos será a homenaxe a Castelao, coincidindo co 75º aniversario do seu falecemento, con exposicións e actividades especiais que poñen en valor o seu legado como pioneiro da linguaxe gráfica galega.
Ademais, o festival incorpora de novo Viñetas Ñam, unha proposta gastronómica na que diferentes restaurantes da cidade presentan pratos inspirados en personaxes e obras da banda deseñada. “Este é un festival aberto, creativo e vivo, que conecta co público de todas as idades e que xa forma parte da identidade cultural da Coruña”, destacou Inés Rey.