A Coruña inaugura ‘Quino na música’, a exposición máis ambiciosa do autor arxentino

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a inauguración da exposición Quino na música, unha mostra que pon o foco na relación entre a obra do célebre debuxante arxentino Joaquín Salvador Lavado Tejón, máis coñecido como Quino, e a música. A mostra, que se pode visitar por primeira vez en Galicia, recolle máis dun cento de pezas orixinais, desde os anos cincuenta ata os noventa, e está considerada a máis importante sobre o autor realizada ata o momento.
Durante o acto de apertura, celebrado coa presenza do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, tamén interviñeron Guillermo Lavado —comisario da exposición xunto a Judith Gociol—, Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Javier Bonet, primeiro tenente de alcalde de Palma de Mallorca, e Víctor Martiñán, director de activación Iberia de Hijos de Rivera.
A mostra rende homenaxe á paixón melómana de Quino, explorando como a música inspirou parte esencial da súa obra, desde as súas críticas sociais ata a ternura dos seus personaxes. “A música está moi presente nas críticas sociais e políticas de Quino como símbolo de liberdade ou como contrapunto poético ao absurdo do mundo”, destacou Inés Rey.
A exposición ofrece unha coidada selección de viñetas que conectan co universo musical do autor: desde o pop —coa icónica adoración de Mafalda polos Beatles— ata a música clásica, unha das grandes afeccións persoais de Quino. Pese á relevancia deste tema na súa traxectoria, nunca fora recompilado ata agora como eixo central dunha mostra ou libro temático.
“Esta exposición é unha homenaxe ao Quino que todos coñecemos, pero tamén unha descuberta do Quino melómano, irónico e apaixonado pola arte musical, e é, sen dúbida, unha das exposicións máis completas e ambiciosas que se fixeron nunca arredor da súa obra”, engadiu a rexedora.
Producida orixinalmente para o festival Còmic Nostrum de Palma de Mallorca, Quino na música chega á Coruña grazas á iniciativa de Viñetas desde o Atlántico, festival do que é director Manel Cráneo, que iniciou as xestións hai ano e medio para traer a mostra á cidade.
Rey subliñou o papel clave de Viñetas como escaparate internacional da banda deseñada e destacou o seu novo carácter descentralizado. “Un festival que é símbolo da Coruña como cidade aberta á creatividade, ao talento e ao pensamento crítico. Viñetas converteuse desde a súa orixe nun dos encontros máis importantes do cómic a nivel internacional, traendo a Galicia autores e autoras de todo o mundo, e enchendo as nosas rúas de viñetas, de cor e de historias”, concluíu.