A Coruña impulsará un servizo gratuíto de asesoramento xurídico para conflitos veciñais

O Concello da Coruña e o Ilustre Colexio Provincial de Avogados deron un paso máis na protección da convivencia cidadá coa sinatura dun convenio de colaboración que permitirá poñer en marcha un novo servizo de asesoramento xurídico gratuíto dirixido a vítimas de conflitos veciñais que poidan constituír un delito.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que este acordo “permitirá ás veciñas e veciños da Coruña contar cun novo servizo de axuda e asistencia que fará máis sinxela a resolución de problemas que, nalgúns casos, poden supoñer un deterioro na calidade de vida da cidadanía. Con este asesoramento contribuiremos a evitalo ou minimizalo”.
Este servizo, que se enmarca dentro do Plan de Seguridade do Concello, está pensado para dar resposta ás necesidades legais de comunidades de propietarios, persoas propietarias individuais ou usufructuarias que se atopen en situacións problemáticas no ámbito veciñal. Entre os casos que poderán ser obxecto de consulta atópanse supostos de mobbing, inxurias, ameazas, danos, lesións, furtos, roubos, ocupación ilegal de vivendas, usurpación de inmobles, ou outras actividades que perturben a convivencia e que sexan molestas, insalubres, nocivas ou perigosas.
O decano do Colexio de Avogados, Augusto Pérez-Cepeda Vila, puxo en valor esta colaboración institucional, sinalando que “é moi importante a colaboración institucional para poñer a disposición das e dos coruñeses ferramentas xurídicas eficaces que lles permitan facer fronte a situacións conflictivas na súa contorna máis cercana, sempre desde unha perspectiva preventiva e de orientación legal especializada”.
As comunidades interesadas en acceder a este servizo poderán facelo enviando unha consulta previa ao enderezo electrónico seguridadciudadana@coruna.gal.
Reunión da Mesa da Seguridade e Convivencia
A sinatura do convenio tivo lugar tras a celebración da segunda reunión da Mesa da Seguridade e a Convivencia, presidida pola rexedora no Centro Ágora. Neste encontro participaron representantes veciñais, do comercio, da hostalería e das forzas de seguridade —Policía Nacional e Policía Local—. Durante a sesión, presentáronse os últimos datos sobre a evolución da seguridade na cidade, así como as medidas que se están a aplicar de forma coordinada polas distintas forzas policiais.
Con este novo paso, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora da convivencia cidadá e o reforzo da prevención e seguridade nos barrios da Coruña.