A Coruña impulsa un novo proxecto universitario privado co apoio do tecido empresarial galego

ACoruñaXa
A alcaldesa Inés Rey recibiu aos promotores e representantes dun proxecto de universidade privada
coru-univ-privada
30 Apr 2025

A Coruña busca converterse nun referente educativo internacional coa presentación oficial do Consello Asesor Empresarial da futura Universidade Emilia Pardo Bazán, un proxecto de universidade privada con sede na cidade herculina. A alcaldesa Inés Rey recibiu en María Pita aos seus promotores e representantes, que esta tarde darán a coñecer publicamente a iniciativa.

Trátase dunha proposta que, aínda que nace na Coruña, conta co respaldo de boa parte do tecido empresarial galego e busca ofrecer unha alternativa de calidade dentro do sistema universitario galego. O obxectivo, segundo os impulsores, é "crear unha universidade privada ao servizo de Galicia, conectada co tecido social e empresarial galego", orientada á formación dos profesionais do futuro.

Durante a recepción institucional, Rey puxo en valor a vontade do proxecto de sumar sen restar: “Desde o Goberno apoiamos todos aqueles proxectos que contribúan a xerar emprego e riqueza na nosa cidade e que melloren a oferta formativa e educativa que xa temos, poñendo sempre por diante a vocación de servizo público e a nosa aposta pola universidade pública”. A rexedora destacou que, segundo os promotores, non se trata de competir coas institucións públicas existentes, senón de complementalas.

Un dos aspectos máis salientables da proposta é a súa dimensión social. A nova universidade prevé poñer en marcha un ambicioso programa de bolsas que, segundo os seus responsables, aspira a ser "un referente nacional". No momento de plena implantación dos seus programas, destinaríanse dez millóns de euros anuais en axudas ao estudo, co obxectivo de garantir o acceso á formación con independencia da situación económica do alumnado.

Con esta iniciativa, a cidade da Coruña aspira tamén a reforzar o seu papel como centro de atracción educativa internacional, configurándose como un hub formativo de referencia no noroeste peninsular.

⚙ Configurar cookies
0.10691595077515