A Coruña impulsa o maior plan de transformación urbana en décadas cun investimento de 125 millóns

ACoruñaXa
Unha folla de ruta estratéxica que marcará as prioridades de investimento nos dez distritos da cidade
barrios-corunha
28 Jul 2025

O goberno municipal da Coruña, encabezado pola alcaldesa Inés Rey, presentou o Plan de Barrios 2025–2027, unha folla de ruta estratéxica que marcará as prioridades de investimento nos dez distritos da cidade cun orzamento global de 125,3 millóns de euros. Trátase, segundo destacou a rexedora, da “maior intervención en materia urbana das últimas décadas”, cun total de máis de 330 actuacións previstas.

Durante a presentación, Rey subliñou que o documento “nace da vontade firme deste goberno de planificar con criterio, con visión a medio prazo e coas necesidades reais dos coruñeses e coruñesas como prioridade”. Ademais, insistiu en que “non é un documento pechado”, senón que se enriquecerá coas achegas da veciñanza, para o cal “a partir de setembro, este goberno iniciará unha rolda de encontros nos diferentes distritos para dar a coñecer o documento en detalle, explicar cada proposta, recoller suxestións e facer partícipe á veciñanza da súa propia transformación”.

O plan estrutúrase en dúas fases temporais: unha primeira, que irá de 2025 ata abril de 2027, e unha segunda, de maio de 2027 a decembro de 2028, pensada para consolidar os compromisos adquiridos e incorporar novas actuacións.

As actuacións distribúense en cinco grandes ámbitos:

  • Humanización e rexeneración urbana (45 millóns de euros): reurbanización de rúas, eliminación de barreiras arquitectónicas e mellora dos espazos públicos.
  • Parques infantís e zonas verdes (12 millóns): renovación e creación de áreas de xogo e espazos naturais para o lecer.
  • Equipamentos e dotacións públicas (28 millóns): impulso a centros cívicos, instalacións deportivas e culturais, especialmente en barrios con carencias históricas.
  • Mellora de espazos públicos e mobilidade sostible (15 millóns): máis transporte público, novas estacións de BiciCoruña e itinerarios seguros para peóns e bicicletas.
  • Infraestruturas e renovación urbana transversal (25 millóns): modernización de servizos básicos como iluminación, pavimentos e redes.

A alcaldesa tamén destacou o carácter integrador do plan: “Chega a todos os barrios”, con intervencións destacadas en Mallos, Agra do Orzán e Monte Alto, e melloras en dotacións en zonas como Novo Mesoiro, Eirís ou Matogrande. Tamén se reforzarán infraestruturas en Palavea, Elviña ou Feáns, e haberá actuacións sustentables no centro e Ensanche.

Rey explicou que o financiamento do plan virá dos orzamentos municipais de 2025, remanentes de anos anteriores e fondos europeos como os Next Generation. “Son 125 millóns de euros que se investirán entre 2025 e 2027, cun financiamento plurianual”, afirmou. Con esta iniciativa, o Concello pretende construír unha cidade “máis cohesionada, accesible e sostible”, cun enfoque participado e pensado a medio prazo.

⚙ Configurar cookies
0.16886496543884