A Coruña impulsa actividades para fomentar a seguridade acuática e o coidado do medio mariño

Un grupo de escolares do colexio Grande Obra de Atocha participou nunha sesión formativa organizada polo servizo de salvamento do Concello da Coruña, no marco dun programa dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 16 anos co obxectivo de fomentar o coñecemento do medio mariño, a seguridade acuática e o lecer saudable.
A actividade desenvolveuse na praia de Riazor e nela tomaron parte 40 alumnos e alumnas de entre 6 e 12 anos, que se atopan a realizar un campamento de verán.
Durante dúas horas, o grupo recibiu formación sobre como coidar as praias e o medio acuático, gozando delas de forma segura. Ademais, aprenderon a respectar e valorar o traballo dos socorristas, coñecendo de preto as súas funcións, e tamén recibiron nocións básicas de técnicas de valoración primaria e reanimación cardiopulmonar (RCP). A actividade estivo guiada por socorristas e coordinadores que participaban de maneira voluntaria fóra do seu horario de servizo.
Esta iniciativa forma parte das políticas de dinamización estival impulsadas polo Goberno local que lidera Inés Rey, co obxectivo de dar visibilidade á profesión do salvamento, poñendo en valor os seus principios e valores humanos. Ao mesmo tempo, contribúe á conciliación familiar durante os meses de verán e á promoción de hábitos de vida saudables entre a mocidade coruñesa.