A Coruña impulsa a inserción laboral cunha oferta de cursos de formación nos barrios

O Concello da Coruña continúa a dar pasos no seu compromiso coa empregabilidade cunha nova oferta de accións formativas para o primeiro semestre de 2025, dirixidas a persoas desempregadas ou en busca de mellora laboral. As actividades desenvolveranse en distintos barrios da cidade, nun modelo de formación de proximidade que achega os recursos directamente á veciñanza.
A concelleira de Emprego, Comercio, Mercados e Hostalería, Diana Cabanas, destacou que esta iniciativa “responde ás necesidades reais do mercado laboral e busca mellorar as competencias profesionais da cidadanía para facilitar o acceso a un emprego digno e de calidade”.
Entre a oferta destacada atópanse os cursos de manipulación de carga con carretillas elevadoras, cunha duración de 50 horas, que inclúen formación en prevención de riscos e prácticas reais con distintos modelos. Celebraranse dúas edicións, unha de mañá e outra de tarde, na Lonxa da Coruña, con 15 prazas por grupo.
Tamén se ofertan catro edicións dos cursos de capacitación dixital básica, de 30 horas, centrados no uso das TICs, a procura de emprego en internet e redes sociais, así como na elaboración e mellora do currículo. Estas formacións realizaranse no Centro Veciñal do Birloque.
No ámbito da hostalaría, e dentro do Programa Éfeso Coruña, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus, comezarán en xuño os cursos de Operacións básicas de restaurante e bar (305 horas), e en setembro os de Operacións básicas de cociña (365 horas), ambos na Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro. Inclúen prácticas non laborais en empresas e seguimento individualizado para a inserción laboral.
A programación complétase con cursos en atención sociosanitaria, márketing dixital, competencias clave e preparación para o emprego, todos con prazas limitadas. As persoas interesadas poden inscribirse a través do Servizo Municipal de Emprego ou consultar toda a programación nos centros cívicos da cidade.