A Coruña impulsa a humanización da rúa da Tolerancia priorizando as zonas verdes

ACoruñaXa
A intervención suporá a peonalización completa da rúa coa creación dunha plataforma única
tolerancia-corunha
16 Apr 2025

O Concello da Coruña vén de adxudicar as obras de humanización da rúa da Tolerancia, situada na contorna da praza homónima en Cidade Escolar. A actuación, promovida polo Goberno local que lidera Inés Rey, contará cun orzamento de máis de 87.000 euros e ten un prazo de execución previsto de catro meses.

O proxecto aposta por transformar esta rúa nun espazo pensado para as persoas, con prioridade para os viandantes e a creación de novas zonas verdes e de lecer. “Desde o Goberno municipal buscamos crear un espazo seguro para as persoas, dando prioridade a viandantes e gañando novas zonas verdes e de lecer”, sinalou a alcaldesa Inés Rey, quen lembrou que esta intervención responde a un compromiso adquirido coas veciñas e veciños da zona.

A intervención suporá a peonalización completa da rúa, coa creación dunha plataforma única, a instalación de novo mobiliario urbano e a plantación de árbores que contribuirán a mellorar a calidade ambiental da contorna. Así mesmo, renovarase o firme das beirarrúas e da calzada, e acometerase a modernización dos servizos de recollida de augas fecais e pluviais mediante a instalación de novas canalizacións nas dúas marxes da vía.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que “o obxectivo é priorizar o tránsito peonil a través da peonalización total da rúa, o que suporá tamén unha mellora da seguridade viaria na contorna dun parque infantil e dunha pista multideporte”.

O deseño do proxecto prolongará a praza da Tolerancia ata os edificios máis próximos, mellorando a conectividade peonil entre a praza do Almirante Romay e a rúa Arxentina. Ao longo da rúa habilitarase un novo corredor verde, con máis árbores e unha beirarrúa de formigón que discorrerá en paralelo ao parque. Ademais, instalarase novo mobiliario urbano para fomentar o uso cidadán do espazo.

Con esta actuación, o Concello da Coruña continúa avanzando na súa estratexia de transformación urbana baseada na mobilidade sostible, a recuperación do espazo público e a mellora da calidade de vida dos barrios.

⚙ Configurar cookies
0.15960788726807