A Coruña impulsa a accesibilidade urbana con novas actuacións en tres rúas da cidade

O Concello da Coruña continúa avanzando na mellora da accesibilidade urbana. Nos últimos días, adxudicouse o proxecto para eliminar barreiras arquitectónicas en tres puntos clave da cidade: as rúas Curros Enríquez, Valencia e Xubias de Arriba. Cun orzamento superior aos 237.000 euros e un prazo de execución de catro meses, o Goberno de Inés Rey responde así ás demandas da veciñanza.
As intervencións previstas nas Xubias de Arriba centraranse na contorna do Hospital Marítimo de Oza. Levaranse a cabo melloras nos pasos de peóns e nos treitos de beirarrúa que actualmente non contan cun ancho suficiente para garantir o paso de persoas con mobilidade reducida. En total, realizaranse cinco actuacións nesta rúa, atendendo ás necesidades trasladadas tanto por residentes como por usuarios e usuarias do centro hospitalario.
Na rúa Curros Enríquez, a actuación principal consistirá na construción dunha rampla de acceso ao lateral do centro veciñal, un espazo que acolle múltiples actividades ao longo do ano e que tamén dispón dunha biblioteca de uso público. Ademais, para favorecer o tránsito seguro entre o centro e o Campo de Marte, habilitarase un paso de peóns elevado que contribuirá a mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria da zona.
No barrio de Monte Alto, concretamente na rúa Valencia, acometeranse traballos de reurbanización integral debido aos graves problemas de accesibilidade existentes, principalmente polo estreito das beirarrúas. A actuación abranguerá todo o tramo comprendido entre as rúas Faro e San Antonio, cunha ampliación das beirarrúas, a creación dunha nova rede de augas pluviais e a renovación completa da calzada.
Estas actuacións forman parte do compromiso do Concello da Coruña por facer unha cidade máis inclusiva, favorecendo a mobilidade peonil e mellorando a calidade de vida de toda a cidadanía.