A Coruña honra en Santo Amaro a Juana de Vega, Víctor López Seoane e Luís Huici no Día de Todos os Santos

O Cemiterio de Santo Amaro acolleu este sábado, 1 de novembro de 2025, o tradicional acto do Día de Todos os Santos organizado polo Concello da Coruña. A cerimonia serviu para recoñecer a traxectoria e o legado de tres figuras esenciais na memoria coruñesa: Juana de Vega, Víctor López Seoane e Luís Huici Fernández.
O primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage, presidiu a conmemoración e, no seu discurso, subliñou que a cidade se recoñece en valores como a liberdade, a curiosidade e o saber, a creatividade e o compromiso. De Juana de Vega resaltou o poder da palabra, a defensa da educación e o impulso á xustiza social e á igualdade; de López Seoane, o amor pola natureza e a súa ollada pioneira cara a unha Galicia científica e moderna; e de Huici Fernández, a concepción da arte como espazo de liberdade e procura da verdade, lembrando tamén a súa participación no primeiro gran acto pro autonomía de Galicia, celebrado na Coruña, testemuño do papel da cidade no galeguismo.
A xornada comezou coa ofrenda floral na Cruz dos Esquecidos, acompañada pola interpretación da Coral Follas Novas, e proseguiu cos tributos individuais ante as sepulturas das tres persoas homenaxeadas. O peche tivo lugar no Monumento aos Mártires pola Liberdade, en lembranza das vítimas da represión franquista e de quen loitou por unha sociedade máis xusta e igualitaria.
No acto participaron membros do Goberno municipal e representantes de entidades vencelladas ás figuras lembradas, entre eles o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; familiares de Víctor López Seoane e de Luís Huici Fernández; Beatriz Gómez Amigo, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña; e Ana Romero Masiá, directora do Instituto José Cornide, depositario do legado de López Seoane. Para Lage, Santo Amaro é 'un espazo de silencio e de memoria onde repousan tamén as páxinas da historia da Coruña', e este acto anual constitúe un exercicio de reparación con quen foron durante tempo invisibilizados.