A Coruña honra a memoria de Esther Casares Quiroga cunha exposición na Casa Museo

A exposición ‘Esther Casares Quiroga. Anacos de vida tronzada 1909-1969’ afonda en varios episodios da vida da filla primoxénita de Santiago Casares Quiroga. A mostra, comisariada polo historiador Xosé Alfeirán, permanecerá aberta ao público na Casa Museo Casares Quiroga, na rúa de Panadeiras, ata o vindeiro 3 de maio. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu o acto de apertura da exposición.
“Desde o Goberno de Inés Rey temos unha enorme sensibilidade pola memoria democrática e a recuperación desta a través das súa figuras máis icónicas, como é o caso de Santiago Casares Quiroga e a súa familia, que sufriu unha inxusta e dura represión que hoxe coñecemos a través da vida da súa filla Esther”, sinalou Gonzalo Castro. A exposición pretende reflectir e reconstruír algúns episodios da vida de Esther Casares Quiroga, co obxectivo de honrar e reparar a unha muller que padeceu represalias e perdas vitais causadas polo réxime ditatorial franquista. Foi víctima dunha persecución inxusta por ser filla do seu pai, considerado como unha das “bestas negras” a aniquilar polos golpistas militares e falanxistas que se levantaron contra a II República española.
A exposición trata de reconstruír algúns momentos da vida de Esther e do seu marido Enrique, unha tarefa complicada pois as autoridades franquistas incautaron e espoliaron non só as propiedades e bens, senón tamén o patrimonio documental familiar. Neste espolio, e posterior abandono e desprotección, perdéronse moitos dos seus recordos, cartas e fotos. Ademais, os traslados e exilios contribuíron a esta perda documental. Os poucos datos existentes proceden da escasa documentación conservada nas incautacións do Arquivo do Reino de Galicia e do Archivo Histórico Nacional. A mostra inclúe varios informes das autoridades franquistas sobre a súa detención e actividades realizadas na Coruña mentres estivo retida e sometida a vixilancia policial, así como testemuños da súa filla María Esther e da súa irmá, a actriz María Casares. Mediante a reproducín de fotos e documentos, a exposición percorre anacos da súa vida e calvario.
A exposición contará coa posterior edición dunha colección de postais que completarán as xa editadas polo Concello da Coruña sobre o seu pai Santiago Casares Quiroga, a proclamación da II República en Galicia e as vivencias da súa irmá María na Coruña e en España antes do seu exilio en Francia.
Vida de Esther Casares Quiroga
Nacida o 10 de xullo de 1909 en Madrid, filla de pai solteiro, Esther viviu feliz a súa infancia e adolescencia na casa familiar da rúa Panadeiras, convertida hoxe polo Concello da Coruña na Casa Museo Casares Quiroga. Despois do matrimonio do seu pai con Gloria Corrales, de familia cigarreira, nacería en 1922 a súa media irmá María Casares. Na Coruña coñeceu ao que sería o seu marido, o capitán de cabalería Enrique Varela de Castro, membro dunha familia conservadora de militares.
A partir de 1931 a vida de Esther cambiou radicalmente. Tras a proclamación da II República, o seu pai foi ministro de Mariña e, posteriormente, ministro de Gobernación. Ao trasladarse a Madrid coa súa familia, casou alí con Enrique Varela e tivo en 1932 unha filla, María Esther. O seu marido foi escollido como membro da escolta do presidente da II República, e neses anos viviron unha vida sen sobresaltos. Porén, en 1936, trala vitoria da Fronte Popular e o nomeamento de Azaña como presidente da II República, Santiago Casares Quiroga foi designado presidente do Consello de Ministros e ministro de Guerra, nunha etapa de gran inestabilidade e conspiración militar.
O triunfo da rebelíon militar en Galicia colleu a Esther e a súa filla na residencia familiar dos Varela en Bañobre, Miño, separadas do seu marido e do resto da súa familia que permanecía en Madrid. O 2 de setembro de 1936 comezou o seu calvario: foi detida e trasladada a Ferrol, onde estivo presa no Hospital da Mariña debido ao agravamento da súa tuberculose, e posteriormente no cárcere da Coruña. O 11 de xullo de 1939 quedou en liberdade, sen ser xulgada, pero castigada e retida simplemente por ser filla de Santiago Casares Quiroga.
Difamado e desprezado o seu pai polo réxime franquista, foi condenado a trinta anos de cárcere e incautáronlle a casa familiar da rúa Panadeiras xunto con todas as súa pertenzas. As autoridades da ditadura intentaron mesmo borrar o seu nome do Rexistro Civil. Esther foi sometida a vixilancia policial e non puido saír da Coruña ata 1955, cinco anos despois da morte do seu pai. Nese ano obtivo finalmente un pasaporte que lle permitiu reunirse co seu marido en México, despois de 19 anos de separación. Alí faleceu o 15 de xaneiro de 1969.