A Coruña homenaxea con unha placa a José Antonio López e Pilar Castro na nova rotonda da avenida de Fisterra

O Concello da Coruña descubriu un monólito na nova rotonda do cruzamento entre a avenida de Fisterra e a rúa Gutemberg para lembrar a José Antonio López e Pilar Castro, o matrimonio coruñés falecido nun accidente de tráfico rexistrado nese punto hai case cinco anos.
O acto celebrouse ao mediodía a carón da glorieta e contou coa presenza de familiares e amizades de Toño e Pilar. A alcaldesa, Inés Rey, participou no recordo acompañada pola concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montse Paz. A rexedora subliñou que ‘non haberá homenaxe que repare a perda’ e apelou a seguir avanzando cara a unha cidade na que ‘as persoas estean no centro’, con espazos públicos pensados para o benestar e a seguridade.
Rey tamén fixo fincapé na importancia dun compromiso compartido entre administracións e cidadanía, lembrando que as medidas de seguridade viaria e o sentido común ao volante “salvan moitas vidas”. No encontro gardouse un minuto de silencio en lembranza do matrimonio, falecido na Noiteboa de 2020, e asistiu tamén a delegada da asociación STOP Accidentes, Jeanne Picard.
A instalación do monólito coincide coa reconfiguración viaria realizada nos últimos dous anos na recta da avenida de Fisterra, onde o Concello impulsou dúas novas rotondas: unha no cruzamento coa rúa Gambrinus e outra, a máis recente, na intersección con Gutemberg. Segundo explicou o goberno local, esta actuación permitiu suprimir o antigo punto negro e mellorar a circulación, contribuíndo tamén a calmar o tráfico e a velocidade nunha das principais vías de entrada e saída da cidade, habitual tamén para o tránsito de cargas pesadas pola conexión coa contorna dos polígonos industriais.