A Coruña homenaxea ás cantareiras no Día das Letras Galegas durante catro xornadas

A Coruña converterase este mes de maio nun escenario aberto á música tradicional e á cultura popular galega coa celebración do Día das Letras Galegas 2025, que este ano rende homenaxe ás cantareiras. O Concello presentou unha programación especial que, entre o 16 e o 25 de maio, incluirá actuacións musicais, teatro, foliadas, pararrúas e actos institucionais. A alcaldesa, Inés Rey, destacou o carácter “xusto e necesario” deste recoñecemento ás mulleres “que durante xeracións foron transmisoras da lingua, da historia e da identidade de Galicia”.
Este 2025, a Real Academia Galega decidiu dedicar o Día das Letras Galegas a sete mulleres representativas desta tradición oral: Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García, Prudencia Garrido e Asunción Garrido. Mulleres anónimas en moitos casos, pero fundamentais para a pervivencia da cultura galega.
“O seu saber non está nos libros, senón na memoria compartida e nas palabras cantadas. É unha forma de literatura viva, non escrita, pero igualmente poderosa”, afirmou Rey durante o acto celebrado esta mañá en María Pita, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e representantes do tecido cultural da cidade como Olga Kirk (Donaire), Belém Tajes ou Pablo Díaz.
A programación municipal inclúe tres días intensos de actividades do 16 ao 18 de maio, así como unha cita especial o domingo 25 na Fundación Luís Seoane, cunha mesa redonda arredor das sete mulleres homenaxeadas. Entre os pratos fortes do programa, destacan concertos de grupos como Treixadura, actuacións de Cántigas da Terra, Xacarandaina ou Espadana, e unha gala especial polo 70 aniversario de Aturuxo no Teatro Rosalía de Castro, onde se lembrará ás Pandereteiras de Mens.
As actividades espallaranse por distintos puntos da cidade como os xardíns de Méndez Núñez, o Campo da Leña, a praza do Humor ou Azcárraga. Ademais, haberá espectáculos familiares dentro do programa Apego, andainas temáticas con “A Coruña das Letras” e concertos no Ágora e no Teatro Colón.
A alcaldesa quixo subliñar tamén a dimensión social e simbólica desta homenaxe: “As cantareiras foron, e seguen a ser, verdadeiras embaixadoras da identidade galega. Nun contexto no que tantas veces as mulleres foron invisibilizadas, homenaxealas supón un acto de xustiza”.
A cidade, ademais, quere poñer en valor o vínculo destas mulleres coa Coruña. Rosa e Adolfina Casás viviron en Culleredo e na Agra do Orzán, mentres que Eva Castiñeira se asentou no barrio de San Pedro de Visma tras emigrar desde Muxía. Foi ela quen, segundo se lembra, fixo historia ao actuar como pandeireteira xunto a Milladoiro no Pazo dos Deportes de Riazor.
Para a alcaldesa, “homenaxear ás cantareiras non é só celebralas, senón tamén recuperar o hábito de escoitar: ás persoas maiores, ás voces esquecidas, ás músicas que falan dunha terra e dunha maneira de sentir. É unha oportunidade para aprender, compartir e manter viva a nosa cultura”.
O cartel desta edición foi deseñado pola artista coruñesa Ana Seoane, e nel reflíctese o espírito desta celebración: un recoñecemento coral, feminino e popular da tradición oral galega como patrimonio vivo.
PROGRAMACIÓN
Venres 16 de maio
18.00 horas | Praza do Humor – Máis Saaabor! (Culturactiva Producións)
18.00 horas | Pasarrúas desde a praza de Lugo á praza José Sellier – Espadana tradicional con cabezudos
19.30 horas | Praza de San Andrés – Muiñada (Galeatro)
21.00 horas | Teatro Colón – Concerto de Treixadura
22.30 horas | Xardíns de Méndez Núñez – Foliada con Cántigas da Terra, Aturuxo, Xacarandaina, Donaire, Maghúa, Son D’Aquí, Espadana e Contiños da Feira
Sábado 17 de maio
12.30 horas | Praza de Azcárraga – Dúo Cro-Cró e Pava
12.30 horas | Praza do Humor – A feira das linguas con Lydia Botana
13.00 horas | Praza José Sellier – Dallecopé con Pulpiño Viascón
17.30 horas | Xardíns de Méndez Núñez – Actuacións de Son D’Aquí e Xacarandaina
18.00 horas | Praza do Humor – Contos a pé de rúa con Caxoto
19.30 horas | Praza de San Andrés – Dúo Vaguedades (Isabel Risco e Fran Rei)
21.00 horas | Campo da Leña – Concertos de Zavala + Atalaias de Caión, Ulex e Ortiga
Domingo 18 de maio
12.00 horas | Praza de Azcárraga – Cris Regueiro e Unto Vello
12.00 horas | Campo da Leña – Breo e Carabela
12.15 horas | Teatro Colón – Concerto da Banda Municipal de Música da Coruña con Pedro Lamas e Lilaina
12.30 horas | Praza do Humor – Novas vellas melodías con Pablo Díaz
13.00 horas | Pasarrúas entre as prazas José Sellier e Cormelana – Charanga Bicoia
17.30 horas | Xardíns de Méndez Núñez – Cántigas da Terra e A.C. Donaire
18.00 horas | Praza de San Andrés – Bailen as vellas os contos das cereixas con Atenea García e Vero Rilo
19.00 horas | Teatro Rosalía de Castro – Gala do 70 aniversario da A.F. Aturuxo e homenaxe ás Pandereteiras de Mens, con Aturuxo, Follas Novas e Pandereteiras de Encrobas
19.00 horas | Campo da Leña – Concertos de Belém Tajes e Eris Mackenzie
Domingo 25 de maio | Fundación Luís Seoane
11.30 horas – Conversa arredor das cantareiras homenaxeadas:
Participan Richi Casás, Isabel García, José Manuel Fdez. Pensado, Xosé Manuel Varela, Icía Varela e Gemma Malvido
13.00 horas – Intervención musical do dúo Casás & Barcia