A Coruña homenaxea ao artista Tono Correa Corredoira cun acto cultural

ACoruñaXa
Un dos momentos centrais da xornada será a proxección do documental A Caverna dos Soños
corredoira-corunha
1 Jun 2025

O Concello da Coruña celebrará o vindeiro martes 10 de xuño unha homenaxe pública ao artista multidisciplinar coruñés Tono Correa Corredoira. O recoñecemento terá lugar nun dos espazos culturais de referencia da cidade e de Galicia, cun programa que inclúe proxeccións, música en directo e intervencións de diversas figuras do ámbito literario e artístico.

“Desde o Goberno de Inés Rey queremos que os nosos artistas máis destacados sexan recoñecidos pola cidadanía e coñezan de primeira man a súa obra, por iso promovemos este acto de homenaxe nun dos espazos culturais máis importantes de Galicia”, explicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

A cita comezará ás 20.00 horas e a entrada será libre ata completar aforo. Como detalle especial, todas as persoas asistentes recibirán como agasallo unha obra gráfica do propio autor. A presentación do acto correrá a cargo de Víctor Barús, e contará tamén cun acompañamento musical en directo.

Un dos momentos centrais da xornada será a proxección do documental A Caverna dos Soños, dirixido por Javier Sega, Víctor Barús e Jerl, que se achega ao universo creativo e vital de Correa Corredoira. Ademais, participarán no evento o escritor Francisco Fernández Naval e a poeta, xornalista e escritora Eva Veiga, achegando reflexións arredor da traxectoria do homenaxeado.

Nado na Coruña en 1952, Tono Correa Corredoira é unha das figuras máis significativas da arte galega contemporánea. Iniciou a súa carreira nos anos setenta, despois de abandonar os estudos de Arquitectura e Belas Artes para centrarse na creación artística. Ao longo da súa vida destacou como pintor, escultor, gravador, ceramista e muralista, con obras que afondan nunha figuración expresionista cargada de simbolismo.

Foi membro fundador dos colectivos A Galga e GrupOrzán, e tivo unha presenza activa no movemento Atlántica, clave na renovación artística da Galicia dos anos 80. Os seus temas recorrentes inclúen a maternidade, o erotismo, os mitos clásicos e o mar.

Entre os seus traballos máis recoñecidos atópanse o mural 27 golfiños e unha estrela (1992), realizado en vitrocerámica e situado na praia de Santa Cristina, en Oleiros, e A Rosa dos Ventos (1994), un gran mosaico no parque escultórico da Torre de Hércules.

En 2017, a Fundación Luis Seoane dedicoulle a exposición retrospectiva Os días pintados, que reuniu case cen obras e reafirmou a súa importancia como creador de referencia. Ademais da súa faceta plástica, Correa Corredoira tamén desenvolveu un notable labor como poeta e ilustrador, mantendo unha postura activa na defensa do patrimonio artístico e cultural de Galicia.

 

 

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.16609787940979