A Coruña homenaxea a Isaac Díaz Pardo no Día das Artes Galegas

ACoruñaXa
O Espazo de Intervención Cultural da UDC e Portas Ártabras acollen eventos para destacar esta figura
diaz-pardo-corunha
31 Mar 2025

Con motivo do Día das Artes Galegas, NORMAL, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, acollerá dous eventos dedicados á figura de Isaac Díaz Pardo, unha personalidade clave na cultura galega contemporánea.

O primeiro evento terá lugar o martes, 1 de abril, ás 19.00 horas. A historiadora e investigadora Iria-Friné Rivera Vázquez impartirá a conferencia "A historia no deseño, o deseño na historia", onde analizará a aplicación práctica de modelos, precedentes e estéticas previas nos proxectos de Díaz Pardo. Ademais, afondará nas influencias recoñecibles na súa obra, especialmente na dinámica herdada do seu pai, Camilo Díaz Baliño.

O segundo evento será o mércores, 2 de abril, ás 16.30 horas, cando se proxectará o material audiovisual que acompaña o libro Doutor Isaac Díaz Pardo, publicado en 2011. Esta obra recolle o acto de investidura de Díaz Pardo como doutor honoris causa pola Universidade da Coruña en 2007 e inclúe os documentais A construción cultural e Memoria viva. O primeiro conta con intervencións de poetas e artistas, mentres que o segundo presenta testemuños de figuras da cultura galega como Avelino Pousa Antelo, Xosé Neira Vilas, Mariví Villaverde e Beatriz Amigo.

OUTRO ACTO EN PORTAS ÁRTABRAS

Ademais, o martes 1 de abril, ás 20.00 horas, en Portas Ártabras, celebrarase un acto especial centrado na vida e legado de Isaac Díaz Pardo. Durante este evento, revisarase material audiovisual sobre a súa traxectoria, obra e incluso sobre o espolio do seu legado.

Fillo do escenógrafo das Irmandades da Fala, Camilo Díaz Baliño, asasinado durante a Guerra Civil, Isaac Díaz Pardo continuou a súa mensaxe a través da creación das "Industrias da Memoria" en colaboración con exiliados na Arxentina e co apoio de Luís Seoane.

Deste xeito, impulsou proxectos clave como a fábrica de cerámica de O Castro en Sada, a de Sargadelos en Cervo, a Editorial do Castro, o Museo Carlos Maside e o Instituto Galego da Información en Compostela. Todo este labor desenvolveuse baixo unha teoría e praxe de ética e estética, promovendo o humanismo e a dignidade de Galiza en tempos marcados pola vixilancia da ditadura franquista.

 

 

⚙ Configurar cookies
0.035197019577026