A Coruña homenaxea a Francisco Pérez Carballo e Juana Capdevielle nun acto institucional

ACoruñaXa
O evento centrouse na memoria histórica e na dignificación destas vítimas da represión franquista e exemplo da loita democrática
perez-carballo
29 Jul 2025

A Subdelegación do Goberno na Coruña acolleu un emotivo acto de homenaxe a Francisco Pérez Carballo, gobernador civil da cidade durante a Segunda República, asasinado tras o golpe militar de 1936, e á súa esposa, Juana Capdevielle, intelectual e bibliotecaria brutalmente executada semanas despois cando estaba embarazada.

O evento, centrado na memoria histórica e na dignificación das vítimas da represión franquista, serviu para descubrir unha placa conmemorativa na fachada do edificio da Subdelegación, no mesmo lugar onde Pérez Carballo desenvolveu o seu labor como representante do Goberno republicano.

Na homenaxe participaron representantes de distintas institucións, entre eles o deputado portavoz do Goberno provincial da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; e familiares directos do homenaxeado.

Durante a súa intervención, Bernardo Fernández subliñou que este acto tiña como obxectivo "lembrar, reparar e dignificar a memoria" de Pérez Carballo, a quen definiu como “símbolo de compromiso coa democracia, coa xustiza e coa liberdade”. Destacou tamén a súa valentía ao asumir, con só 25 anos e sendo fillo dunha familia galega emigrada a Madrid, a representación do Goberno democrático “nun tempo escuro e difícil, sabedor do risco que corría”.

O deputado provincial sinalou que a placa honra a memoria de Pérez Carballo e tamén a de todas as vítimas da represión franquista, reivindicando que "a memoria é xustiza" e que sen verdade e reparación "non pode haber democracia plena". Tamén lembrou outras figuras represaliadas na provincia como Alfredo Suárez Ferrín, Ánxel Casal ou José López Bouza, destacando que todos eles foron executados por defender a legalidade constitucional.

Fernández aproveitou o acto para facer un chamamento á Xunta de Galicia para que se sume con recursos públicos ao labor de recuperación da memoria histórica, tal e como xa están a facer o Goberno central e moitos concellos.

“A partir de hoxe, o nome de Francisco Pérez Carballo queda gravado nesta parede, pero sobre todo na nosa memoria colectiva. Representou, en palabras dos seus compañeiros, ‘o mellor da República’”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.10733008384705